Ir o contido principal

G-Night

26.09.2025 | 18.00h

Santiago / Lugo

Imaxe da G-Night
Imaxe da G-Night

O vindeiro venres 26 de setembro, Galicia celebrará a súa quinta edición da G-Night, a Noite Galega das Persoas Investigadoras. Este evento de divulgación científica, que se desenvolve simultaneamente en centos de cidades de toda Europa baixo o paraugas da European Researchers’ Night, ten lugar cada último venres de setembro e busca achegar a ciencia á sociedade de maneira accesible e participativa. Ao longo da tarde e da noite, as sete principais cidades galegas –A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago e Vigo– converteranse en escenarios para a ciencia, con actividades abertas ao público que inclúen obradoiros, experimentos, andainas, charlas, exposicións e feiras científicas.

A iniciativa está coordinada pola Universidade de Vigo, á fronte dun consorcio no que participan as universidades de Santiago de Compostela e da Coruña, varios institutos do CSIC (IEGPS, IEO, MBG, IIM e Incipit) e outros centros de investigación galegos como o IDIS e CITMAga (dos que tamén forma parte a USC), INIBIC e CESGA. Nesta ocasión, a G-Night desenvólvese como evento asociado ao proxecto europeo, empregando os recursos propios das entidades implicadas e contando co apoio da Consellaría de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia. 

Lugo

A G-Night está organizada en Lugo polo grupo de innovación docente XuvenCiencia e pola agrupación AgroMar, de persoal investigador mozo. O máis escollido e singular la investigación que se desenvolve no campus lucense chega na forma de preto dunha trintena de actividades abertas ata completar a capacidade do espazo e completamente de balde. O programa desenvolverase dende as 18.00 horas na Praza de Abastos e no Mercado Municipal Quiroga Ballesteros. 

Algunhas das principais novidades correspóndese cunha proposta do proxecto ‘AF4EU’ para público de todas as idades que convidará a relacionar especies arbóreas cos seus froitos e dará a oportunidade de converterse nun porco celta e actuar como unha auténtica desbrozadora con cairos e rabo nun sistema agroforestal. Asemade, a G-Night presenta ‘RePowerSiC’, un proxecto que ten como misión optimizar a transmisión na enerxía no espazo. Veranse ademais, no Mercado Municipal, demostradores realizados tanto no CiTIUS como na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do Campus de Lugo da USC.

De entre as novidades desta G-Night cómpre subliñar igualmente o proxecto ‘SUS-SOIL’, tamén da EPSE, que estuda a saúde e a sustentabilidade dos solos. Cativada e maiores terán ao seu dispor un laboratorio vivo dos solos de Galicia nos que pescudar os efectos de incendios de magnitude como os que se viviron este verán que xa remata. Tamén no capítulo de estreas na Noite Galega das Persoas Investigadoras sitúase ‘REMOVIRT H3D’. As persoas visitantes poderán interactuar con visualizacións tridimensionais de fígados humanos reconstruídos por un equipo da EPSE a partir de tomografías realizadas no Álvaro Cunqueiro de Vigo.

Polo que respecta aos obradoiros programados para a Praza de Abastos, incorpórase este ano ‘Superbacterias á vista’, unha actividade para nenas e nenos de entre 3 e 14 anos que servirá para explicar o problema da resistencia aos antibióticos, o aspecto que teñen as superbacterias e que se pode facer para previr as complicacións de saúde humana, animal e ambiental que causan. Tamén está de estrea o obradoiro ‘A ciencia a través dos sentidos’, para todas as idades, que permitirá coñecer en profundidade diferente alimentos e as súas características. Finalmente, outra das novidades leva por título ‘Cóntacho unha piloto’ para aprender a planificar unha viaxe e comprobar como, ás veces, os mapas tamén enganan.

Santiago

O Colexio de Fonseca será en Compostela, entre as 18.00 e as 21.00 horas do 26 de setembro, o escenario de múltiples obradoiros impulsados dende a USC para achegar a ciencia á cidadanía con acceso aberto e de balde ata completar a capacidade do espazo. Así, o Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) organiza as actividades ‘Xogando na cociña con cores’, ‘ADN, cromosomas e divisións celulares’ e ‘Nanociencia de cores: unha práctica para ver o invisible’.

Pola súa parte, o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS) desenvolverá os obradoiros ‘O que ves é o que hai: detectores visuais de obxectos sobre FPGA’, ‘A IA sabe se tes fibrilación auricular’, ‘Chatty: modelos de linguaxe para falar polos cóbados’ e ‘O que tes é o que realmente ves: detector de eventos cun chip CMOS’.

O Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CiQUS) desenvolverá a actividade ‘Ciencia molecular en acción: do xogo á innovación’, mentres que o Centro de Investigación Interdisciplinario en Tecnoloxías Ambientais da USC (CRETUS) será o responsable dos obradoiros ‘Xogamos limpo: o que se agocha nos campos de fútbol e nos parques’, ‘De medusas fluorescentes a bacterias que comen plásticos’ e ‘Pasado contaminado’.

O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC e da Xunta de Galicia, dará pulo á actividade ‘Observa e constrúe os elementos fundamentais da materia’, mentres que o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago, no que tamén participa a USC, encargarase de desenvolver o obradoiro ‘Descubriendo a biomedicina: a ciencia que transforma a saúde’. 

O Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga), que tamén conta coa participación da USC, impulsa as accións ‘Apagando lumes con números’, ‘Xogando coas mates’ e ‘Abracadabra matemática’. O  CITMAga organiza tamén para ese mesmo día unha serie de relatorios que se desenvolverán no Colexio de San Xerome entre as 16.30 e as 18.00 horas. Finalmente, a Área de Infraestruturas de Investigación da USC organiza a actividade ‘Podo xogar con cristais?’. 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.09.2025.