Ir o contido principal

G-Night: Noite Galega das Persoas investigadoras

27.09.2024 | 18.00h-22.00h

Lugo e Santiago

As actividades desenvólvense en Santiago e en Lugo.
As actividades desenvólvense en Santiago e en Lugo.

A Universidade de Santiago súmase un ano máis á Noite Galega das Persoas investigadoras (G-Night) que terá lugar o 27 de setembro con actividades de difusión do coñecemento científico tanto en Lugo como en Compostela, co obxectivo de difundilo dunha maneira amena e coa posibilidade de participación da sociedade.

Lugo
O campus de Lugo, coa participación dos programas Xuvenciencia e Agromar, ofrecerá un amplo programa de actividades no Mercado Municipal e na Praza de Abastos. No Mercado haberá entre as 18.00 e as 22.00 horas obradoiros de robótica a intelixencia artificial, Ciencia á Feira, areeiro de realidade aumentada, hardware de baixo custo e código aberto para control medioambiental, xestión da mobilidade urbana, impresión 3D, exposición de especies vexetais e proteínas.

Na Praza de Abastos, tamén entre as 18.00 e as 22.00 horas, haberá obradoiros sobre xogo e aprendizaxe, veterinaria, terremotos, química, bacterias, elaboración de pan, fotosíntese artificial, comunicación con fibra óptica, a estrutura das células, medición de árbores, carrachas, a estrutura do ADN e parasitos vistos ao microscopio.

Santiago
En Santiago haberá unha feira científica de acceso libre no Claustro do Colexio de Fonseca, cun completo programa de obradoiros e demostracións que se desenvolverán de 18.00 a 21.00 horas impartidos por profesionais dos centros de investigación da USC CiMUS, CiQUS, CiTIUS, CRETUS e IGFAE.

Neles abordaranse temas coma o funcionamento dos virus (CiMUS), crebacabezas moleculares, origami de ADN e polímeros divertidos (CiQUS), o deseño e uso de chips de intelixencia artificial para o recoñecemento de idiomas ou para cámaras intelixentes, o emprego de ChatGPT ou o uso de cámaras de eventos (CiTIUS), a arqueoloxía e antropoloxía ambiental, a adaptación de plantas e liques ao estrés ambiental e o desenvolvemento de tecnoloxía ambiental (CRETUS) ou a observación dos elementos fundamentais da materia (IGFAE).

Súmase a estes no Claustro un obradoiro sobre mentes e materiais do Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT) e outro obradoiro sobre biomedicina da man do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS). O Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAGA) ofrece a partir das 18.00 tres actividades sobre matemáticas contra o lume, origami e os segredos das matemáticas máis discretas.

Divulgación
A Noite Europea dos Investigadores é un proxecto de divulgación científica promovido pola Comisión Europea dentro das accións Marie Skłodowska-Curie do programa Horizonte Europa, que ten lugar simultaneamente en case 400 cidades europeas dende 2005.

Ademais da Universidade de Santiago, participan na G-Night as universidades de Vigo -que coordina este ano o evento- e A Coruña e os seus centros asociados, así como os centros do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) en Galicia, os Museos Científicos Coruñeses e o Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía a través da súa sede na Coruña. O programa completo pode consultarse na web do evento.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.09.2024.