A USC toma parte, xunto con UVigo e UDC, no consocio que impulsa a G-Night ou Noite Galega das Persoas Investigadoras baixo o lema ‘Conciencias creativas’

A Noite Europea das Persoas Investigadoras é un evento de divulgación científica que se celebra de xeito simultáneo en cidades de toda Europa o último venres de setembro e que está a piques de chegar á súa décima edición.
Santiago, Lugo, Vigo, Ourense, Pontevedra, A Coruña e Ferrol sumaranse tamén a esta iniciativa a través da G-Night, o evento que se desenvolverá o vindeiro 24 de setembro e que busca achegar a figura da persoa investigadora no contexto galego, así como a investigación e os seus beneficios, á sociedade en xeral, prestando especial atención ás vocacións científicas.
En concreto, na USC, o nutrido programa de actividades terá lugar de 18.00 a 21.30 horas no xardín do Colexio de Fonseca e as súas inmediacións en Santiago, así como de 18.00 a 22.00 horas no Vello Cárcere de Lugo
A creatividade e a súa relación co coñecemento científico, a ruptura de estereotipos e a interdisciplinariedade centrarán este evento de divulgación no que as actividades desenvolveranse fóra dos laboratorios e en contextos informais como rúas, prazas, museos, praias ou bares nun ambiente festivo.
Relatorios, conferencias, obradoiros, rutas científicas, teatro, música, experiencias ou experimentos integran a oferta da G-Night, alén de dirixirse a todo tipo de públicos con independencia da súa formación e coñecementos.