
Dende o luns 16 ao mércores 18 de xuño, desenvólvese na Facultade de Matemáticas da USC, o NoLineal 2025 que chega xa á súa edición número catorce. A tamén denominada International Conference on Nonlinear Mathematics and Physics está organizada pola Facultade de Matemáticas da USC e o Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga).
A inauguración que terá lugar o luns 16, ás 09.30 horas, estará presidida pola vicerreitora de Política Científica da USC, Pilar Bermejo Barrera; e contará coas intervencións do decano da Facultade de Matemáticas e coordinador do foro, Alberto Cabada Fernández; da directora científica do CITMAga, Rosa M. Crujeiras; e da coordinadora do comité científico, Peregrina Quintela Estévez.
O Congreso NoLineal 2025 forma parte dunha serie de encontros científicos que naceron no ano 1997 e que, de forma bianual, teñen por obxectivo estandarizar este tipo de reunións entre o persoal especialista na área coa finalidade de converterse nun punto de encontro onde o persoal investigador de diferentes especialidades das ciencias non lineais (como son o ámbito numérico e multifísico, a mecánica de fluídos, os avances na área de medicina e bioloxía ou as técnicas computacionais, entre outras) poidan compartir os seus traballos e resultados. Nesta ocasión, formarán parte desta cita en calidade de conferenciantes plenarios Alfredo Bermúdez de Castro da USC, Elena Gaburro da Università degli Studi di Verona, Jean Mawhin da Université Catholique de Louvain e Mercè Ollé Torner da Universitat Politècnica de Catalunya.
"A investigación nas ciencias non lineais en Galicia ten un importante recoñecemento tras unha continuada achega de destacados resultados de enorme calidade e unha presenza sólida e estable nas súas contribucións académicas ao longo dos anos", explican dende o comité organizador. Neste sentido, o Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga) asume nas liñas de actuación da súa axenda científica a investigación e capacitación do seu persoal investigador neste ámbito de estudo.
O comité organizador, composto por persoal da USC, está integrado por Saray Busto Ulloa, Alberto Cabada Fernández, Rosa María Crujeiras Casais, María Teresa Flores Arias, Jorge Mira Pérez, Begoña Nicolás Ávila, Alberto Pérez Muñuzuri, Vicente Pérez Muñuzuri e María Elena Vázquez Cendón.