Organizado pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de CC. da Educación da USC, co apoio do Servizo de Normalización Lingüística

O 'Obradoiro de apoderamento lingüístico' que organiza a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de CC. da Educación da USC co apoio do Servizo de Normalización Lingüística, ten por obxectivo principal promover a responsabilidade na normalización social do galego como parte do ámbito competencial de mestres e mestras. A educadora social Andrea Rico Adega impartirá este taller no edificio que a Facultade ten no Campus Vida. O prazo de inscrición está aberto ata o 18 de abril.
Ao longo de dúas sesións teórico-prácticas, introduciranse algunhas chaves para a comprensión do actual escenario e procuraranse novas iniciativas coas que reforzar o galego a través do ensino. O obradoiro botará a andar o mércores 19 de abril, ás 10.30 horas, cunha sesión expositiva coa que afondar na comprensión do contexto lingüístico actual en Galicia, reflexionar sobre a problemática lingüística galega como parte do ámbito competencial do ensino, coñecer metodoloxías de intervención socio-lingüística. e deseñar intervencións desde o ensino para a normalización lingüística e a activación de falantes.
Para a formación práctica organizaranse dous grupos con sesión os días 24 e 25 de abril, en horario de 10.30 a 12.00 horas, con técnicas para indagar sobre o conflito lingüístico.
A USC emitiralles un diploma de asistencia da actividade, no cal figurará o número de horas presenciais, a todas aquelas persoas inscritas que asistan.