Ir o contido principal

Obradoiro de debate sobre a predición de proliferacións algais nos encoros e esteiros

28.11.2024 | 11.00h

Santiago de Compostela

Abordarase o desenvolvemento dun sistema de predición de proliferacións algais nos encoros e esteiros

Centro de Estudos Avanzados da USC. FOTO: Santi Alvite
Centro de Estudos Avanzados da USC. FOTO: Santi Alvite

Este xoves 28 de novembro terá lugar no Centro de Estudos Avanzados da USC un obradoiro de debate e presentación de resultados do proxecto AIHABs, relacionado co desenvolvemento dun sistema de previsión de blooms de cianobacterias nos encoros e esteiros. Nel participará o persoal investigador do proxecto AIHABs, que dende o ano 2022 estivo a desenvolver un sistema orientado á previsión de proliferacións algais nocivas mediante o uso da intelixencia artificial.

O evento está organizado polo grupo de Hidrobioloxía da USC que, dirixido polo catedrático Fernando Cobo, participou no proxecto realizando a toma de mostras e datos de campo no encoro de Belesar e no esteiro do río Miño. Tamén participarán, de maneira presencial ou remota, representantes dos grupos de interese, como distintas confederacións hidrógráficas, empresas de abastecemento de auga, etc, de países como España, Portugal, República Checa ou Irlanda. Durante a tarde, representantes do consorcio AIHABs manterán a reunión de preparación da finalización do proxecto.

Toma de mostras no esteiro do río Miño, coa colaboración da Comandancia Naval do Miño
Toma de mostras no esteiro do río Miño, coa colaboración da Comandancia Naval do Miño
Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.11.2024.