A cargo de Diego Sande
O Centro Científico e Cultural de Macau (CCMacau) visitará a Universidade de Santiago de Compostela (USC) o xoves 30 para participar no obradoiro 'A Unión Europea e China no século XXI: a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e Macau' que terá lugar no Paraninfo, na Facultade de Xeografía e Historia, ás 17.00 horas.
Diego Sande, investigador do grupo Innovación, cambio estrutural e desenvolvemento (ICEDE) da Universidade de Santiago, será o encargado de coordinar a mesa na que tamén intervirá Elias José Feijó, do grupo Estudos dos sistemas culturais galego, luso, brasileiro e africanos de lingua portuguesa (GALABRA); a presidenta do Centro Científico e Cultural de Macau (CCMacau), Carmen Amado, e o director do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI), Diego González.
O encontro nace co obxectivo de fortalecer os lazos institucionais, académicos e culturais entre Galicia e Portugal coa delegación de China e enmárcase nun proxecto de mobilidade do programa Erasmus+. O CCMacau desenvolverá unha intensa axenda de traballo en Pontevedra, A Coruña, Ferrol, Santiago e Vigo ao longo de toda a semana, coordinada polo IGADI. Os talleres, de participación aberta, serán espazos de diálogo entre académicos, estudantes e profesionais interesados na proxección internacional galega e a cooperación UE-China-lusofonía.