Ir o contido principal

Investigación na rúa

Paseo científico e obradoiros con peixe cebra a prol do estudo das enfermidades raras

18/06/2021 - 17.00 horas

Lugo
Praza Maior

O equipo da USC liderado por Laura Sánchez Piñón que promove novas liñas de estudo sobre enfermidades raras con modelos de peixe cebra organiza este venres, ás 18.45 horas, un paseo científico polo barrio lugués do Carme e obradoiros científicos para nenos na Praza Maior en quenda de tarde

Cartaz das actividades programadas
Cartaz das actividades programadas

O equipo de investigadores da USC liderado desde o Campus de Lugo pola catedrática de Xenética Laura Sánchez Piñón que impulsa novas liñas de estudo en peixe cebra sobre as causas que orixinan os defectos conxénitos de glicosilación (CDG) a través do proxecto ‘Pelayo e o peixe cebra axudan na investigación das enfermidades raras’, achega este venres á sociedade luguesa a posibilidade de colaborar neste ambicioso programa de I+D+i coa celebración un paseo científico polo barrio lugués do Carme e diversos obradoiros na Praza Maior.

O guía profesional Guido Guía será o encargado de conducir a expedición científica que percorrerá os recunchos do barrio do Carme. A comitiva, na que participarán 21 persoas, entre as que figuran as investigadoras da USC Laura Sánchez Piñón e Maribel Quiroga Berdeal, partirá ás 18.45 horas do Parque Rosalía de Castro.

De xeito simultáneo a esta actividade lúdica, os investigadores da Facultade de Veterinaria da USC que impulsan a iniciativa Pelayo e o peixe cebra apoian o estudo das enfermidades raras, sacarán acuarios de peixe cebra dos laboratorios universitarios ata a Praza Maior de Lugo para desenvolver obradoiros científicos co público máis novo. As dúas sesións programadas para as 17.00 e 19.00 horas, respectivamente, xa completaron o aforo máximo de participantes.

As promotoras desta iniciativa de I+D, que está aberta a doazóns a través da plataforma de crowdfunding da FECYT na web Precipta.es, salientan a boa acollida que está a ter na sociedade luguesa estas iniciativas, ao tempo que animan ás persoas interesadas en colaborar neste proxecto de investigación a contribuír con doazóns nos petos solidarios repartidos diversas farmacias e establecementos comerciais da capital luguesa.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.06.2021.