Ir o contido principal

Ciclo

A Pedra que fala

10, 17 e 24 de marzo de 2022

Santiago de Compostela
Salón de Graos

Unha achega dende a toponimia e a literatura á cultura sonolítica

Ciclo 'A Pedra que fala'
Ciclo 'A Pedra que fala'

A Facultade de Filoloxía da USC acollerá os días 10, 17 e 24 de marzo o ciclo A Pedra que fala, unha iniciativa promovida polo Colectivo Rupestre Sonoro de aCentral Folque e dirixida por Paula Ballesteros, Alba Cid e Xoán Xil, que conta coa organización do centro. 

As dúas primeiras sesións terán lugar a partir das 19 h no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía. 

A última xornada, o 24 de marzo consistirá nunha saída á Vilar de Rei, na parroquia compostelá de San Xoán de Fecha, para participar nunha inmersión sonora conducida polo Colectivo Rupestre. Os autobuses partirán da Facultade de Filoloxía ás 18 horas.

O máximo de persoas participantes é de 50, que serán seleccionadas por orde de inscrición, aínda que para as actividades na Sala de Graos a asistencia será libre até completar a capacidade da sala. Emitirase certificado de presenza para as persoas participantes que o soliciten. 

Para participar, é preciso cursar inscrición previa, na seguinte ligazón

A Pedra que fala

O son, en tanto fenómeno vibratorio, xera enerxía e movemento. A capacidade dunha pedra para amplificar, reflectir ou emitir un son fai que a súa presenza inerte adquira unha aura de animismo e se nos manifeste como un ser que pode responder, bruar, asubiar, roncar, tintinar e mesmo estremecerse. As propiedades acústicas de determinadas pedras eríxenas como fitos no territorio. En palabras do teórico da escoita da paisaxe Murray Schafer, constitúen unha marca sonora “aqueles sons que adquiren un valor simbólico e afectivo” para unha determinada comunidade. Na parroquia compostelana de San Xoán de Fecha localízase unha parcela agraria coñecida como A Pedra que fala. Tal parcela ascende até un outeiro próximo presidido por un singular afloramento granítico que conserva gravados rupestres. A Pedra que fala mantén aínda hoxe, algo atenuadas, unhas singularidades acústicas que foron motivo de atención por parte do Colectivo Rupestre Sonoro, unha produción artístico-documental de aCentral Folque que desde 2019 iniciou un proceso no que profundar na comprensión e aproveitamento destas marcas sonoras no caso galego. Nel conxúganse o traballo de campo, a reflexión teórica, a creación literaria, a performance sonora e a reivindicación do común.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.03.2022.