Ir o contido principal

Presentación do libro

'A perda do uso de idiomas ibéricos. Caso especial do galego e As dúas primeiras enquisas sobre ou uso do galego'

06.04.2022 | 13.00h

Salón de Graos
Santiago de Compostela

Esta publicación de Anxel Cardín ofrece unha panorámica pola evolución dos idiomas peninsulares ameazados e os problemas para a súa normalización, ollando coa lupa e de preto a do idioma galego.

'A perda do uso de idiomas ibéricos. Caso especial do galego e As dúas primeiras enquisas sobre ou uso do galego'
'A perda do uso de idiomas ibéricos. Caso especial do galego e As dúas primeiras enquisas sobre ou uso do galego'

O Salón de Graos da Facultade de Filoloxía acollerá o mércores, día 6 de abril, ás 13.00 horas, a presentación do volume  A perda do uso de idiomas ibéricos. Caso especial do galego e As dúas primeiras enquisas sobre ou uso do galego, de Anxel Cardín. O profesor Henrique Monteagudo será o encargado de conducir esta presentación na que tamén intervirá o autor do libro. 

A asistencia é libre ata completar a capacidade da sala. 

Presentación

Segundo a UNESCO, uns 3.000 idiomas no mundo están en perigo de extinción e 500 en perigo crítico. En Europa, son 33 as linguas en risco e na Península 4: aragonés, aranés, asturiano e mirandés, mentres que o  eúscaro está cualificado como vulnerable, un chanzo menos perigoso. A perda do uso de idiomas ibéricos. Caso especial do galego e As dúas primeiras enquisas sobre ou uso do galego examina as situacións destas linguas para coñecer como foi a súa decadencia e repasa a súa situación actual canda os problemas para a súa normalización.

O idioma galego non está hoxe nesta situación de perigo directo dos catro idiomas peninsulares examinados, pero ten problemas na súa normalización. Desde mediados do século XIX apareceron historiadores, literatos e xornalistas, ademais de políticos galeguistas, preocupados polo seu devir. Un tema crucial para argumentar e propoñer cambios e estímulos no ensino e estudo do
galego era o coñecer o nivel do seu uso nas diferentes zonas de Galicia. 

O libro de Anxel Cardín ofrece os datos que se obtiveron en 1970, por primeira vez de maneira científica, mediante unha ampla mostra de 1.000 cuestionarios distribuídos por toda Galicia, especialmente polo estrato rural. Esa época significou o comezo dun cambio brutal nas estruturas do mundo rural que se afundía, ao producirse o abandono total por parte das novas emigracións europeas e as internas cara a Barcelona, Madrid ou as capitais galegas, ademais da tradicional a América. Ante este cambio, o mundo campesiño da emigración encaixou a situación enviando inxentes recursos económicos e conservando vivo e flexible o tesouro da lingua galega, fronte aos outros estamentos sociais que non se implicaron nesa loita de afirmación lingüística e de país. Por primeira vez sóubose, con esta enquisa pioneira, que o 56 % da poboación falaba só en galego e que as variables de clase social eran determinantes, de maneira rotunda, no seu uso.

En 1973 o autor destas investigacións fixo de novo un traballo sociolingüístico pioneiro na Comarca de Vigo, cuns 900 cuestionarios, tratando de coñecer algúns problemas máis específicos do uso do idioma galego en presenza e competencia co castelán. Esta comarca era a máis avanzada socioeconomicamente naquel momento con algunhas empresas moi importantes e innovadoras como Pescanova, estaleiros Barreiras ou o Grupo de Empresas Alvarez. Nesta Comarca, en 1973, o uso da galega fronte ao castelán era parecido ao que existía en 1970 para toda Galicia, pero a mestura de galego con castelán era maior, á vez que se detectou empiricamente o fenómeno da diglosia: pais que falan entre eles en galego e cos seus fillos en castelán, para non crearlles problemas no ensino, que na época era enteiramente en castelán. Tamén se detectou unha acollida favorable moi maioritaria á posibilidade do ensino do galego e en galego na aula, pero sen abandonar o castelán.

O encomiable esforzo investigador deste libro, traballa en vista panorámica a evolución dos idiomas peninsulares ameazados e os problemas para a súa normalización, e coa lupa e de preto a do idioma galego, percorrendo os seus avatares históricos e, finalmente, investigando e descubrindo algúns trazos esenciais do seu uso e das variables sociais que o determinan.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.04.2022.