Ir o contido principal

'O Teu Xacobeo'

Unha peregrinación científica cita na USC persoeiros da antropoloxía ibérica e europea

6/7/2021 - 16.30 horas

Facultade de Formación do Profesorado (Lugo)

A hispanista belga Christiane Stallaert abre o 6 de xullo en Formación do Profesorado a quenda de relatorios abertos do proxecto ‘Antropoloxías do Camiño/Camiños da Antropoloxía’, coordinado pola profesora da USC Elena Freire Paz e promovido ao abeiro do programa ‘O Teu Xacobeo’

Cartaz do programa
Cartaz do programa

Algúns dos máis importantes nomes da antropoloxía ibérica e europea cítanse para unha peregrinación científica polos camiños Primitivo, Francés, do Norte e de Fisterra-Muxía que terá lugar entre o 6 e o 10 de xullo de 2021 ao abeiro da iniciativa ‘Antropoloxías do Camiño / Camiños da Antropoloxía’, un proxecto da USC incluído no programa ‘O Teu Xacobeo’ da Xunta de Galicia e coordinado pola profesora Elena Freire Paz, que reunirá unhas trinta voces académicas, entre profesorado, investigadores/as e alumnado de doutoramento, para abordar o fenómeno xacobeo desde unha ollada plural.

‘Antropoloxías do Camiño / Camiños da Antropoloxía’ concíbese como unha reunión científica internacional por primeira vez itinerante, que comezará na cidade de Lugo, o principal fito en Galicia do Camiño Primitivo a Compostela e sede dun dos tres campus universitarios da USC. O obxectivo deste proxecto reside en achegarse ao feito xacobeo baixo o prisma dalgunhas das liñas de investigación antropolóxica con máis pulo na actualidade.

A antropóloga, tradutora e hispanista belga Christiane Stalleart será a encargada da conferencia inaugural, que terá lugar en aberto na Facultade de Formación do Profesorado de Lugo o día 6 de xullo. Stalleart, que pronunciará un relatorio ‘Treinta años de Camino. 1991-2021: lectura sintomática de un mundo en movimiento’, será presentada pola profesora de Historia Contemporánea da USC Ana Cabana Iglesia.

A estrutura proposta no programa combina o desprazamento físico a través das rutas xacobeas polos concellos de Lugo, Friol, Guntín, Palas de Rei, Toques, Melide, Arzúa, O Pino, Santiago de Compostela, Padrón, Muxía e Fisterra cunha reflexión teórica e con conferencias abertas, nas que, entre outros intervirán como relatores os catedráticos Julián López García ou Jordi Roca i Girona, o investigador do CSIC Pedro Tomé Martín ou a profesora da USC Nieves Herrero Pérez.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 06.07.2021.