O evento, enmarcado no proxecto europeo IBEROS+, ten aberta ata finais de mes a solicitude para presentar traballos

Persoal investigador de todo o mundo reunirase os días 23 e 24 de xaneiro en Santiago con motivo do II Workshop de Biofabricación Aditiva. A biofabricación é un campo interdisciplinar que combina principios da bioloxía, a enxeñaría e a tecnoloxía para crear tecidos, órganos e estruturas biolóxicas utilizando células vivas e materiais biocompatibles, mediante técnicas como a bioimpresión 3D. Este proceso permite fabricar pezas vivas capa por capa, replicando a arquitectura e función de tecidos e órganos humanos, o que abre posibilidades revolucionarias en medicina rexenerativa e transplantes.
A desenvolver na Facultade de Bioloxía da USC, o evento conta co apoio do proxecto europeo IBEROS+ coordinado pola Universidade de Vigo, que xunta os esforzos de máis de 150 especialistas da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal no campo da biofabricación para o envellecemento saudable. Ata o 30 de setembro está aberta a recepción de solicitudes para presentar traballos.
O encontro, que celebrou a súa primeira edición en Madrid en 2024, reunirá persoal investigador, especialistas e líderes da industria en fabricación aditiva para aplicacións biomédicas. Concibida como unha cita que vai máis aló dunha reunión científica, o seu obxectivo é proporcionar un espazo para intercambiar ideas innovadoras e explorar os últimos avances e enfoques no deseño, a enxeñaría e a fabricación de implantes e produtos sanitarios.
Así, explorarase unha ampla variedade de temas, incluídos os últimos achados de investigación, os avances tecnolóxicos máis destacados, os marcos regulatorios e as aplicacións industriais. Entre as temáticas, trataranse os materiais bioinspirados en biofabricación, a biofabricación para modelos de enfermidades e cribado de fármacos, as novas estratexias de biofabricación para a enxeñaría de tecidos, as biocerámicas e os biometais e o deseño e simulación avanzados para biofabricación.
O panel de relatores confirmados, ao que seguirán incorporándose novos expertos e expertas nos próximos meses, inclúe polo de agora especialistas de varios organismos científicos de España, Portugal, Suíza e Bélxica.
Sobre IBEROS+
IBEROS+ conta cun orzamento de preto de 2,2 millóns de euros ata 2026, procedente do Programa Operativo de Cooperación Transfronteriza Interreg España-Portugal 2021-2027 (POCTEP) co co financiamento de FEDER. A súa estratexia céntrase na I+D sobre biofabricación para dar resposta aos desafíos sociosanitarios asociados ao envellecemento da poboación na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e na Unión Europea en xeral.