Ir o contido principal

Pint of Science 24

13.05.2024-15.05.2024

Lugo e Santiago de Compostela
Mesón do Forno, Ho! Gruf e Bar Acebo (Lugo) e Café Alborada de Veiga (Santiago de Compostela)

O festival internacional Pint of Science desenvólvese entre o 13 e o 15 de maio nas cidades de Lugo e Santiago de Compostela coa intención de achegar a ciencia á sociedade da man do persoal investigador da USC, establecendo un vínculo de coñecemento, curiosidade e proximidade

Cartel das xornadas
Cartel das xornadas

Pint of Science trata de establecer unha comunicación eficaz, “de igual a igual”, entre persoal científico e público xeral, empregando os bares como escenario e proporcionando un contexto distendido e agradable que promova esta comunicación.

Lugo

No Campus de Lugo as charlas comezan ás 18.00 horas. A sesión do luns 13 centrarase no pasado a través da evolución artística da Catedral de Lugo, e tamén nas árbores, mediante os aneis gravados na súa madeira. Ademais, abordaranse os últimos avances no eido de enfermidades como o alzhéimer. Os relatorios que terán lugar no Mesón do Forno correrán a cargo de Marcos Gerardo Calles Lombao do Museo Diocesano Catedralicio de Lugo, e dos profesores da USC Ignacio García González e Mercedes Novo Rodríguez.

O martes 14, a sesión que terá lugar no Ho! Gruf contará coas intervencións de Alberto Prieto Lago e Marta I. Miranda Castañón. Que son os culicoides e por que constitúen unha ameaza para a saúde dos nosos animais será a temática do primeiro relatorio, para logo explorar, na segunda quenda, as defensas, coñecendo o papel que xoga o selenio no organismo humano.

A derradeira das sesións desenvolverase o 15 de maio no Bar Acebo. Mª Ángeles Rodríguez Fontela, Ana Fresno Herrero e Patricia López Sánchez descubrirán a importancia de captar o visible mediante a fotografía, como combater as resistencias a antibióticos e a utilidade das paredes celulares.

Santiago

Compostela acollerá outras charlas nas mesmas xornadas, pero a partir das 18.30 horas. A versión santiaguesa do Pint of Science desenvolverase no bar cafetería Alborada de Veiga.  A sesión do luns 13 titúlase 'Unha viaxe entre polos: da Antártida ao magnetismo, do tradicional ao tecnolóxico', e nela participan Alejandro Gómez Pazo (Universidade de León), Manuel Antonio González Gómez (iMATUS-USC), Eva Cernadas García ( CiTIUS-USC) e Mabel Loza García (CiMUS-USC).

O lema da sesión do martes 14 é 'Vendo o invisible para comprender o incognoscible: unha viaxe ao teu interior desde o diminuto ata a túa mente' e nela participan Sergio Vila Tojo (CRETUS-USC), Isabel Neira (EDIUS, ECOBAS), Ana Isabel Rodríguez Pérez (CiMUS-USC) e Elías Ferreiro Vila (BFlow).

A sesión do mércores 15 titúlase 'Arquitectura vital: Desde as moléculas e as neuronas ata o futuro das persoas' e toman parte nela Esperanza Padín González (CiQUS-USC), Bruno Blanco Varela (Departamento de Economía Financeira e Contabilidade, USC), Olalla López Costas (CRETUS-USC) e Alba Vieites Prado (CiMUS-USC).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.05.2024.