Esta nova entrega das 'Conversas con Shakespeare' afonda na relación do dramaturgo coas fontes históricas

O programa 'Faíscas culturais' leva á Facultade de Xeografía e Historia unha nova conversa arredor da última produción do Centro Dramático Galego (CDG) Shakespeare en Roma. Baixo o título 'Plutarco en Shakespeare', o encontro afonda na maneira en que o dramaturgo fixo seu o relato das fontes, con especial atención a Plutarco, para o tecido das súas obras.
Na conversa, coordinada polos profesores Pedro Manuel López Barja de Quiroga e Héctor Paleo Paz e especialmente dirixida ao alumnado de Historia Antiga II, participan Ana Abad de Larriva, a dramaturga que fixo a adaptación de Antonio e Cleopatra (1607) e Sara Rey, directora desta peza que canda Tito Andrónico (1594), Xulio César (1599), Coroliano (1609) conforman Shakespeare en Roma.
O encontro terá lugar o mércores 22 de febreiro ás 9.00 horas na Aula 5 da Facultade de Xeografía e Historia, e está aberto á participación da comunidade universitaria, se ben se dará prioridade no acceso ao alumnado de Historia Antiga.
Shakespeare en Roma
O espectáculo Shakespeare en Roma nace como una oportunidade para unir tres momentos da historia: o presente, o periodo Isabelino e a Roma Clásica a través da guerra, a violencia e a loita polo poder que guían o destino dos personaxes.
Con dirección de Rui Madeira, María Barcala, Xúlio Lago, Sara Rey e Quico Cadaval, poranse en escena versións destiladas das catro pezas a través do ollar de catro dramaturgos e dramaturgas. Versións condensadas en 35 minutos cos que compartir co público de hoxe a reescrita dos textos shakespearianos co foco posto nalgunha das personaxes secundarias presentes nos orixinais.
As catro pezas poranse en escena en no Salón Nobre de Fonseca da Universidade de Santiago de Compostela para achegar ao público ao ambiente isabelino no que se escribiron os orixinais. Un xogo escénico no que oito intérpretes darán vida ás diferentes personaxes nunha posta en escena de proximidade.