Unha nova vaga de conversas arredor de Shakespeare acende a reflexión e o debate arredor dos textos do autor nas aulas e espazos da USC

O programa 'Faíscas Culturais' leva á Facultade de Xeografía e Historia unha nova conversa arredor da última produción do Centro Dramático Galego (CDG) Shakespeare en Roma. Baixo o título 'Pontes entre a historia e a literatura', artéllase unha clase maxistral na que se debaterá sobre o contexto de Shakespeare e as intencións do seu relato, e sobre as diferenzas entre o enfoque literario e histórico nas súas obras.
Pedro Manuel López Barja de Quiroga e Héctor Paleo Paz coordinan esta sesión especialmente dirixida ao alumnado da materia 'Historia Antiga II' que se desenvolverá o 2 de marzo ás 09.00 horas na Aula 8 do centro. Tras garantir o acceso do alumnado matriculado na material, a actividade abrirase á comunidade universitaria.
Shakespeare en Roma
O espectáculo Shakespeare en Roma ofrece unha versión concentrada dos textos Tito Andrónico (1594), Xulio César (1599), Antonio e Cleopatra (1607) e Coroliano (1609) nos que xenio inglés sitúa a acción no Imperio Romano para, desde o seu tempo, reflexionar sobre o poder. Nace como una oportunidade para unir tres momentos da historia: o presente, o periodo Isabelino e a Roma Clásica a través da guerra, a violencia e a loita polo poder que guían o destino dos personaxes.
Con dirección de Rui Madeira, María Barcala, Xúlio Lago, Sara Rey e Quico Cadaval, poranse en escena versións destiladas das catro pezas a través do ollar de catro dramaturgos e dramaturgas. Versións condensadas en 35 minutos cos que compartir co público de hoxe a reescrita dos textos shakespearianos co foco posto nalgunha das personaxes secundarias presentes nos orixinais.
As catro pezas poranse en escena en no Salón Nobre de Fonseca da Universidade de Santiago de Compostela para achegar ao público ao ambiente isabelino no que se escribiron os orixinais. Un xogo escénico no que oito intérpretes darán vida ás diferentes personaxes nunha posta en escena de proximidade.