Ir o contido principal

Concurso

Fin de prazo de presentación de TFG e TFM aos Premios á calidade lingüística

30.09.2020

A XVI Edición dos Premios á calidade lingüística ten como obxectivo fomentar o uso do galego entre o estudantado, ligado ao espallamento da cultura da calidade na elaboración e defensa dos seus traballos

O certame é iniciativa do Servizo de Normalización Lingüística da USC. Foto: Santi Alvite
O certame é iniciativa do Servizo de Normalización Lingüística da USC. Foto: Santi Alvite

 Con este certame prémiase os mellores traballos académicos, fin de grao (TFG) e fin de mestrado (TFM) redactados en galego no presente curso. O prazo para tomar parte neste certame rematou o 31 de xullo no caso dos traballos académicos, mais permanece aberto ata o 30 de setembro no caso de TFG e TFM.

Esta iniciativa impulsada dende o Servizo de Normalización Lingüística, concede cinco premios á calidade, un por cada grande área de coñecemento, en cada unha das tres modalidades, o que fai un total de 15 premios. Os traballos académicos de curso son recoñecidos cun premio de 150 euros por cada unha das grandes áreas de coñecemento. Pola súa parte, os TFG serán premiados con 300 euros; mentres que os TFM recibirán 500 euros. En todos os casos, os gañadores e gañadoras reciben ademais un diploma para o seu currículo.

Os XVI Premios á calidade lingüística abranguen todas as titulacións da USC, e daquela, todos os estudantes de grao, enxeñaría ou mestrado que fagan os seus traballos en galego e obteñan cando menos a cualificación de aprobado poderán optar a estes premios, que contan co apoio económico da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. Para optar aos premios só cómpre presentar unha copia do traballo, unha vez que estea aprobado, xunto cos datos que se solicitan, nos rexistros da USC. 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.08.2020.