Auditorio
Gisela Cristina Vianna Camolesi, Fabio Frana Vieira e Silva e Ángel Orión Santiago Peralvo asinan os traballos premiados

A Cátedra de Implantoloxía Avanzada Galimplant entrega o venres 9 de xuño os premios correspondentes á primeira edición da convocatoria dirixida a distinguir traballos de investigación. O acto, ao que asiste o reitor Antonio López e os directores da Cátedra, os profesores Abel García e Mario Pérez-Sayáns, arrancará ás 20.30 horas no Edificio Fontán da Cidade da Cultura.
A primeria edición deste certame recoñece investigacións en dúas modalidades: patoloxía oral e implantoloxía oral. Na primeira delas, recollen galardóns Gisela Cristina Vianna Camolesi e Fabio Frana Vieira e Silva, cada un dos recoñecementos dotado con 5.000 euros. Vianna Camolesi realizou unha revisión sistemática e meta análise da eficacia da fotobiomodulación para reducir a dor e mellorar a vida en pacientes coa síndrome de boca ardente idiopática. Pola súa parte, Vieira e Silva é autor dun traballo sobre a expresión da proteína caspasa-3 e caspasa-3 escindida na tumoroxénese e as súas correlacións co seu prognóstico nos cancros de cabeza e colo. Finalmente, a terapia antibiótica preventiva en procedementos de implantes dentais é o obxecto do traballo desenvolvido por Ángel Orión Santiago Peralvo na categoría de implantoloxía oral, investigación que tamén recibiu 5.000 euros.