Paraninfo da Universidade

Levar a atención sanitaria á vangarda científico-tecnolóxica no ámbito da saúde é o principal propósito da Cátedra institucional USC-Plexus de intelixencia artificial aplicada á medicina personalizada de precisión que se presenta este mércores 28 de maio, ás 10.00 horas, nun acto que presidirá o reitor Antonio López no Paraninfo da Universidade.
Na presentación intervirán o catedrático de Medicina Legal e Forense da USC Ángel Carracedo; o director da Cátedra, o profesor Senén Barro; a secretaria de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial, María González Veracruz; e o director xeral de PlexusTech Plexus, José Manuel Viña Bravo.
Unha vez presentada oficialmente a Cátedra, ás 11.30 horas comezará unha visita ás instalacións do CiTIUS.
A Cátedra, creada no contexto da candidatura da USC á convocatoria de axudas ás Cátedras ENIA, convocadas pola Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial, no marco da Axenda España Dixital 2025, e da Compoñente 16 do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, está destinada a ser un acelerador e catalizador da Medicina Personalizada de Precisión a través da Intelixencia Artificial. Deste xeito, impulsará a investigación, transferencia, difusión e formación en materia de intelixencia artificial e na súa aplicación ás ciencias da saúde, en base á colaboración público-privada.