O programa de actividades da cátedra inclúe a creación dunha rede de investigación e innovación galega en promoción da saúde

A Cátedra institucional de Vida Saudable, dirixida polo profesor Francisco Caamaño, será presentada este martes 11 nun acto institucional presidido polo reitor Antonio López e que se desenvolverá, ás 12.00 horas, no Salón Nobre do Colexio de Fonseca. Xunto ao reitor e ao profesor Caamaño, participarán na sesión o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán Parrondo. Fernando Artalejo, catedrático de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Universidad Autónoma de Madrid, impartirá o relatorio '¿Podríamos ser el primer país del mundo en controlar la pandemia de obesidad?'
O programa de actividades da cátedra inclúe a creación dunha rede de investigación e innovación galega en promoción da saúde; o desenvolvemento de novas liñas de investigación en hábitos de vida saudables e envellecemento activo ou potenciar as xa existentes; o establecemento dun sistema de avaliación periódica do sobrepeso e a obesidade da poboación galega e dos cambios no comportamento relacionados cos seus factores protectores; a realización de cursos, seminarios, conferencias e cantas actividades académicas redunden na difusión, o coñecemento e a práctica dun estilo de vida saudable; a promoción e organización de actividades que contribúan a facilitar a reflexión e o debate, co fin de acadar o seu mutuo enriquecemento intelectual e a mellora da súa formación; a colaboración co profesorado e departamentos da USC en todo o que favoreza a formación integral do alumnado; a difusión e o coñecemento das investigacións realizadas mediante publicacións e outras accións de comunicación; a creación e mantemento dun fondo bibliográfico e documental sobre as materias específicas da promoción da saúde e as disciplinas con ela relacionadas; a inserción profesional dos e das estudantes da USC participando, no seu caso, nas actividades realizadas pola Cátedra; e a colaboración entre a USC e o sector profesional no ámbito da promoción da saúde.