A cátedra, promovida pola USC xunto a Balt Spain, é pioneira en España e no mundo

A nova cátedra institucional da USC en materia de Neurorradioloxía está dirixida polo neurorradiólogo intervencionista Manuel Pumar, e aborda esta área de coñecemento que se dedica ao tratamento minimamente invasivo, a través dun cateterismo, das enfermidades vasculares cerebrais.
A cátedra servirá como plataforma para a divulgación da patoloxía vascular cerebral na sociedade así como para a formación de novos especialistas. A través da creación de foros de expertos na materia, fomentarase a investigación e o desenvolvemento de novas técnicas que permitirán mellorar a calidade de vida dos pacientes.
No acto de presentación, que comezará ás 17.30 horas e despois do encontro con medios de comunicación das 17.00 horas, tomarán parte o reitor Antonio López, o propio director da cátedra, así como Fernando Viñuela, presidente do Comité Asesor. Acto seguido, terá lugar un coloquio moderado pola xornalista Victoria Prego e no que tomarán parte distintos especialistas neste eido.