Ir o contido principal

Presentación do estudo sobre a percepción de comerciantes e visitantes sobre a actividade comercial na cidade en relación ao turismo en Compostela

19.06.2024 | 20.00h

Sede Afundación (Rúa do Vilar, 19)
Santiago de Compostela

A Rede Galabra da USC investiga desde o ano 2008 a narrativa sobre a cidade e o impacto na relación visitante-habitante-comercio

A Rede Galabra da USC investiga desde o ano 2008 a narrativa sobre a cidade e o impacto na relación visitante-habitante-comercio. Foto: Santiago Turismo
A Rede Galabra da USC investiga desde o ano 2008 a narrativa sobre a cidade e o impacto na relación visitante-habitante-comercio. Foto: Santiago Turismo

A Rede Galabra da Universidade de Santiago comezou no ano 2008 a investigar, co apoio da Dirección Xeral de Turismo, a narrativa sobre a cidade de Santiago e o impacto na relación visitante-habitante-comercio. Posteriormente, proseguiu con dous proxectos financiados pola AEI -‘Discursos, imaxes e prácticas culturais sobre Santiago de Compostela como meta dos Camiños’ de Santiago’ (2012-2016) e ‘Narrativas, usos e consumos dos visitantes como aliados ou ameazas para o benestar da comunidade local: o caso de Santiago de Compostela (2018-2022)’- e, recentemente, con fondos da Xunta de Galicia no programa de consolidación de estruturas de investigación.

Alén de https://redegalabra.org/publicacoes/, en 2019, a USC e o Concello de Santiago de Compostela asinaron un convenio de colaboración para a exposición de resultados. Esta investigación actualízase agora con datos de 2022 e 2023 sobre as percepcións da cidadanía de Santiago sobre si mesma e en relación coas persoas visitantes e coa actividade comercial e económica, sobre todo a vinculada ao turismo.  En concreto, trátase de estudar o fenómeno en tres perspectivas: a de visitantes, a de habitantes e a da actividade comercial.

Precisamente esta última, a do comercio, centrará unha xornada este mércores, 19 de xuño, ás 20.00 horas na Sede Afundación de Santiago, organizada pola Cámara de Comercio de Santiago, na que o grupo Galabra presentará a nova actualización dos datos. Será nun acto que contará coa presenza do reitor Antonio López, do director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e a presidenta da Cámara de Comercio, María Pais.

A presentación  do estudo ‘Visitantes, comercio e comunidade local en Santiago de Compostela’ correrá a cargo dos autores do estudo, o catedrático da área de Filoloxía Galega e Portuguesa da USC e decano da Facultade de Filoloxía da USC, Elias José Feijó Torres; a vicedecana de captación, empregabilidade e mobilidade da Facultade de Dirección e Xestión Pública da UVigo, Sara Torres Outón; e o profesor do Departamento de Bioloxía Funcional da USC e subdirector de Prácticas en empresas e mobilidade da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, Emilio Carral Vilariño. Pechará a xornada a alcaldesa da cidade, Goretti Sanmartín.

Máis dunha década de investigación
Os primeiros resultados deste proxecto de investigación presentáronse en 2013. Posteriormente, no ano 2019, os resultados de 2013/2015 e 2018  foron expostos nunha mostra na Alameda compostelá. Nela reflectíanse os resultados do estudo que a Rede Galabra está a realizar dende o ano 2008, implicando persoas de nove universidades diferentes para analizar as imaxes e as prácticas referenciadas en Santiago, tanto dos propios habitantes da cidade como dos seus visitantes. No referido a visitantes, a investigación centrouse nas persoas procedentes de Galicia, doutras comunidades do Estado español e de Portugal e Brasil, por seren estes dous os primeiros países europeo e non europeo en número de visitantes na altura do comezo da investigación.

Segundo explica Elías Torres, director do proxecto, o obxectivo da investigación é "contribuír a repensar Compostela a partir da propia reinvención da cidade nos últimos anos, fundamentalmente ao redor do Camiño de Santiago e do fenómeno do turismo a el vinculado".

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.06.2024.