Sala Frei Martín Sarmiento
De actuacións cidadás exemplares fronte aos riscos climáticos

Os desastres climáticos están cada vez máis presentes en todo o mundo. As comunidades non só lidian con riscos que se van desenvolvendo paseniño, como o aumento do nivel do mar ou o incremento de temperaturas, senón tamén con fenómenos extremos máis inmediatos, como inundacións, olas de calor ou incendios forestais. Neste contexto, é fundamental fortalecer a capacidade de adaptación e resiliencia das persoas ante eses eventos extremos, unha cuestión onde é clave a participación comunitaria e a organización de iniciativas cidadás. Porén, non existen moitos estudos que analicen estas iniciativas e o seu papel na articulación de respostas aos retos climáticos.
Con tal motivo, desde o mes de outubro de 2023, no marco do Proxecto CLIMACTIVA ‘Integrar a adaptación e a resiliencia ante os riscos climáticos nos estilos de vida: iniciativas cidadás exemplares’, o Grupo de Investigación SEPA-interea da USC e a cooperativa Feitoría Verde desenvolveron un extenso traballo de campo para coñecer e caracterizar iniciativas vinculadas a riscos climáticos no Estado español. En concreto, centráronse en once casos de estudo: Escolas de calor, de Sevilla; Comunidade de regantes ‘Ocho Caños’, en Cáceres; Barrios Verdes, en Gran Canaria; Asociación Veciñal Barrio Zofío, en Madrid; Berdesia, en Navarra; Asociación Pego Viu, en Alacante; Comunidade de Montes de Baroña, en A Coruña; Rede de Sementes de Aragón; Grupo de vixilancia ante crecidas de Alcalá de Ebro, en Zaragoza; Barrios polo clima, en Córdoba; e Comunidade de augas ‘O Galiñeiro’, en Pontevedra.
En todos estes casos, realizáronse entrevistas a persoas directamente implicadas no nacemento da iniciativa ou na súa actual execución, abordando cuestións como os últimos episodios de secas, olas de calor, incendios ou inundacións; a reacción da cidadanía ao respecto; a coordinación ou desencontro coas administracións públicas; o tipo de actividades desenvolvidas; ou a dimensión de xénero na participación, entre outras moitas.
Os datos máis relevantes dese proxecto recóllense nun informe divulgativo que se vai presentar o martes 18 de marzo, ás 16:00 horas na Sala Frei Martín Sarmiento da Facultade de Ciencias da Educación. Nese acto -que poderá seguirse en directo a través da ligazón https://www.youtube.com/live/6UQUkXjL960- exporase tamén unha proposta educativa acorde aos resultados da análise e unha guía de recomendacións para a integración do enfoque de xénero nas iniciativas cidadás.
Na mesma semana, este informe será compartido coas iniciativas estudadas, nunha xuntanza de traballo para revisar as conclusións e suxestións elaboradas. Ademais, o documento será remitido a concellos, gobernos autonómicos e mesmo confederacións hidrográficas co fin de impulsar actuacións en clave preventiva fronte aos riscos climáticos.
O proxecto CLIMACTIVA conta co financiamento da Fundación Biodiversidade, do Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, na súa Convocatoria de subvencións en réxime de concorrencia competitiva para a realización de proxectos que contribúan a implementar o Plan Nacional de Adaptación ao Cambio Climático 2021-2030 no exercicio 2023.
