Ir o contido principal

Presentación do informe 'Educación rural, entre o esquecemento e a reivindicación'

19.09.2024 | 12.00h

Santiago de Compostela

O documento realiza unha especial análise do continente latinoamericano para entender as dificultades ás que se enfrontan as comunidades rurais

O informe céntrase no eido educativo. FOTO: Pixabay
O informe céntrase no eido educativo. FOTO: Pixabay

'Educación rural, entre o esquecemento e a reivindicación' é o cuarto informe dun ciclo de seguimento aos colectivos que se atopan en maior risco de quedar atrás no dereito á educación e no logro do Obxectivo de Desenvolvemento 4 da Axenda 2030. Nesta edición, a ong Entreculturas ofrece unha panorámica da educación no medio rural, "que se enfronta a diferentes procesos de exclusión educativa debido a, entre outras causas, as disfuncións provocadas pola industrialización e a concentración urbana", explican. Esta será a temática obxecto de análise este xoves 19, ás 12.00 horas, na Facultade de Ciencias da Educación da USC (Campus Sur). Macarena Romero, coordinadora do informe e membro da área de incidencia de Entreculturas; Tadeo Maza, coordinador pedagóxico na escola de Fe y Alegría nº46 de Piura (Perú), xunto a Estefanía Franco e José Luis Barreiro, técnicos de Entreculturas en Galicia, darán conta dos detalles do informe. 

O documento realiza unha especial análise do continente latinoamericano para entender as dificultades ás que se enfrontan as comunidades rurais e que foron descoidadas, especialmente no que respecta á educación. Segundo a Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO) e a Organización Internacional do Traballo (OIT), 168 millóns de nenos e nenas no mundo vense na obriga de traballar, vendo vulnerados os seus dereitos máis elementais; desta cifra, 98 millóns, é dicir, o 58% do total faino na agricultura, concentrando así a maior proporción deste tipo de traballo. 

Xunto a estes datos, Entreculturas ofrece unha serie de entrevistas a persoal educativo, familias e estudantes, experiencias que pretenden ilustrar as dificultades e oportunidades que se atopan na educación rural, reivindicando a necesidade de garantir os dereitos en todos os lugares do mundo. Concretamente, pon especialmente o foco nas intervencións que teñen lugar en Perú, Ecuador, Guatemala, Nicaragua, Honduras, Venezuela, Camboia, Nepal, Chad, Madagascar e España. Ademais, propón recomendacións aos Estados e á comunidade internacional co obxectivo de conseguir unha inclusión educativa efectiva, un dos compromisos acordados na Axenda 2030.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.09.2024.