
Este xoves 19 de decembro a partir das 19.00 horas preséntase na Facultade de Filosofía o libro Caminos del pensamiento actual. Naturaleza, Historia y Utopía (Editorial Sindéresis), nun acto promovido pola Sociedade Interuniversitaria de Filosofía (SIFA). A obra reflexiona sobre temas que interesan no mundo actual relacionados coa condición humana enfrontada a un mundo tecnolóxico, o coidado da natureza e dos seres vivos, así como as liñas de futuro para garantir un mundo onde o ser humano poida desenvolver unha vida de calidade e feliz.
O volume recolle as actas dos Encontros Internacionais no Camiño de Santiago celebrados nos anos 2019 e 2021 e está coordinado polos profesores da USC Marcelino Agís, Javier Barcia e Carlos Pose, pola profesora Alba Iglesias da Universidade de Vigo e pola profesora Rocío Carolo da Universidade Pontificia de Salamanca-ITC, todos membros da xunta directiva da SIFA.
Participan na obra 30 profesoras e profesoras de España, Portugal, Francia, Italia, Xapón e os Estados Unidos, entre eles Antonio Pieretti (1940-2022), catedrático de Filosofía Teorética da Universidade de Perugia, da que foi pro-rettore; dáse a circunstancia de que a conferencia que pronunciou en Santiago de Compostela Pieretti, un dos máis afamados filósofos italianos, foi a última pola súa prematura morte en setembro de 2022. Por esta razón, no libro réndeselle unha homenaxe póstuma, glosando o pensamento do autor, en particular as conferencias que pronunciou en Santiago, convidado pola SIFA.
A asistencia ao acto, no que participará o director da editorial Óscar Alba, é libre ata completar a capacidade do espazo.
