
A Facultade de Humanidades da USC acolle este xoves 8 de maio, ás 17.00 horas, a presentación da obra Vidas e historias LGBT da Idade Media, a cargo do seu autor, Carlos Callón. Profesor no IES San Clemente e na Universidade de Santiago de Compostela, é presidente de honra da Mesa pola Normalización Lingüística. Recibiu, entre outros, os premios Vicente Risco de Ensaio e o da Crítica de Investigación. No ámbito lingüístico, destacan os seus títulos Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez (2012) e O libro negro da lingua galega (2022). Con Maxicamente vella, eternamente nova (2025) iniciou unha nova serie orientada á reinterpretación e difusión da historia da literatura galega. O seu traballo poético máis recente é A abertura da boca (2021).
No ámbito da investigación LGBT, diplomouse cun estudo sobre o heterosexismo no campo literario (2003) e doutorouse cunha disertación sobre as homosexualidades no trobadorismo (2017). Publicou a primeira antoloxía literaria LGBT galega, Da sátira ao orgullo (2003), e, alén doutras achegas, o ensaio Vidas e historias LGBT da Idade Media (2025). Promoveu roteiros, cursos e o documentario Maridos e sodomitas. Os casamentos de home no reino da Galiza medieval (2024). É membro da Comisión sobre Identidades e Disidencias Sexuais do Consello da Cultura Galega.