A obra presentarase no marco da exposición 'Valente e a unidade das artes', que se exhibe no Colexio de Fonseca, e contará coa participación de Claudio Rodríguez Fer
Poemas a Valente, obra do profesor da Universidade Federal do Amazonas (Brasil) Saturnino Valladares, compila composicións dedicadas ao autor ourensán durante os séculos XX e XXI. Trátase dun libro editado pola Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da USC, polo que leva na cuberta a reprodución dunha obra de arte afín á estética do poeta, neste caso debida á artista galega Julia Huete.
A presentación contará coa participación de Saturnino Valladares, responsable da obra; Claudio Rodríguez Fer, director da Cátedra, poeta e profesor; e Mar Lorenzo Moledo, vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos da USC. Seguidamente, terá lugar un recital itinerante por toda a exposición, onde varios poetas, profesores e investigadores, a maioría valentistas, lerán poemas do libro e de Valente, respectivamente, ante as diferentes seccións dos autores expostos na capela gótica e no salón artesoado do Colexio de Fonseca, sempre baixo a premisa dalgunha relación significativa entre texto, rapsodia e material exposto.
Así, leranse poemas dedicados a Valente por Vicente Aleixandre, Antonio Gamoneda, Juan Gelman, Blanca Varela, José Agustín Goytisolo, Alfonso Costafreda, Pere Gimferrer, Bernard Noël, Jacques Ancet, Jorge Riechmann, Luz Pozo Garza ou Claudio Rodríguez Fer, así como tamén de Valente, a cargo de poetas e valentistas como os citados Claudio Rodríguez Fer e Saturnino Valladares máis Xoán Xosé Fernández Abella, Carmen Blanco, María Lopo, Adina Vladu, Cristina Fiaño, Agenor Prieto Machado, Juan Manuel del Río, Javier Pueyo, Miguel Cavadas Docampo, Arantxa Fuentes Ríos, Dolors Perarnau, Armando Requeixo ou Nieves Herrero.