Ir o contido principal

Presentación do libro 'El rostro de la consanguinidad'

27.06.2024 | 12.00h

Santiago de Compostela
Aula Magna

Facultade de Bioloxía. FOTO: Santi Alvite
Facultade de Bioloxía. FOTO: Santi Alvite

O libro El rostro de la consanguinidad, da autoría de Román Vilas, Gonzalo Álvarez e Francisco Ceballos, preséntase este xoves 27 de xuño ás 12.00 horas na Aula Magna da Facultade de Bioloxía. Preside o acto a vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, que estará acompañada polos tres autores, así como polo decano de Bioloxía, Jesús López Romalde; o director de Edicións USC, Juan Luis Blanco Valdés, e o director da Biblioteca de Divulgación. Serie Científica, Jorge Mira Pérez.

O volume estuda a consanguinidade tendo en conta as súas dimensións histórica, antropolóxica, filosófica, estética, relixiosa e cultural, e sobre todo abordándoa desde a perspectiva xenética, incorporando os resultados de investigacións realizadas polos propios autores sobre a cuestión.

Creada no ano 2011, a Biblioteca de Divulgación. Serie Científica de Edicións USC acolle textos que, malia seren resultado da máis rigorosa investigación en cada eido, están presentados de forma divulgativa, con exposición amena e áxil, desprovistos de aparato crítico e pensados para o público xeral e non estritamente especialista. Os temas que tratan os volumes abordan aspectos das ciencias naturais ou experimentais que, dentro da súa natural complexidade ou especificidade, poidan ter tamén un interese divulgativo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.06.2024.