Ir o contido principal

Presentación do proxecto ‘ACIBECHERÍA-IMATUS: Construíndo futuro para un oficio milenario’

20.11.2024 | 17.00h

Salón de Actos

A iniciativa busca garantir a autenticidade das pezas de acibeche que se elaboran na cidade

O acto será na sede do iMATUS, no Campus Sur
O acto será na sede do iMATUS, no Campus Sur

Estímase que entre o 60 e o 80% do acibeche comercializado no mundo non é auténtico e esta é unha situación que preocupa en Compostela xa que este material artesanal é un sinal de identidade da ourivería da cidade. Por esta razón, o Instituto de Materiais da USC (iMATUS) e Ourives de Compostela chegaron recentemente a un acordo para pór en marcha un proxecto que busca garantir a autenticidade das pezas que se elaboran na cidade.

Deste xeito, o iMATUS será o encargado de desenvolver os sistemas de control que permitirán avalar a pureza das pezas de acibeche da ourivería compostelá. Ademais, levará a cabo unha auditoría sobre o acibeche comercializado baixo a marca Ourives de Compostela, e encargarase da acreditación das pezas máis destacadas. O proxecto contempla así mesmo a restauración de pezas históricas, coas que colaborará o iMATUS achegando o seu coñecemento en materiais e técnicas de análise.

Os detalles deste proxecto presentaranse nun acto público o próximo 20 de novembro ás 17.00 horas na sede do iMATUS que presidirá a vicerreitora de Política Científica, Pilar Bermejo. No evento, un representante de Ourives exporá as inquedanzas do gremio sobre a situación dos acibeche, mentres que a directora de iMATUS, Carmen Alvarez Lorenzo, presentará o instituto da USC e Francisco Guitián explicará o proxecto que el mesmo coordina. Participarán tamén no acto a teniente de alcadesa de Santiago, María Rozas, o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, e a directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez.

No evento exhibiranse ademais dúas 2 pezas de acibeche xa certificadas, para que as persoas asistentes poidan coñecer os modelos de informe de autenticidade.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.11.2024.