O consorcio busca aproveitar non só a beleza natural asociada aos mellores e máis particulares atardeceres atlánticos senón tamén identificar e poñer en valor os recursos endóxenos locais asociados ao sol e que se converten nun reclamo patrimonial

USC e Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal (CEER) organizan este martes 9 de xaneiro, na Facultade de Xeografía e Historia, o evento de lanzamento do proxecto ATLANTIC SUNSET, coordinado polos profesores da USC Ángel Miramontes, Jorge Mira e Rubén Lois. O consorcio integrado por sete socios de catro países e liderado pola Fundación CEER, obtivo máis dun millón de euros de financiamento no marco do programa Interreg Espazo Atlántico 2021-2027 que ten como obxectivo apoiar iniciativas innovadoras que contribúan ao crecemento da zona atlántica mediante accións conxuntas e o intercambio de boas prácticas. O proxecto busca aproveitar non só a beleza natural asociada aos mellores e máis particulares atardeceres atlánticos senón tamén identificar e poñer en valor os recursos endóxenos locais asociados ao sol e que se converten nun reclamo patrimonial.
O acto que botará a andar a partir das 11.30 horas na Sala de Profesores do cento conforma a presentación pública do proxecto ante medios de comunicación, comunidade universitaria e cidadanía, así como a posta en común das liñas mestras e a coordinación de sinerxías entre os socios que o compoñen. A sesión estará presidida pola vicerreitora de Titulacións e Internacionalización da USC, María José López Couso; e contará coa participación de Rubén Camilo Lois González, director do Departamento de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela; Ángel Miramontes Carballada, director da Fundación CEER e profesor da USC; Tania Afonso, da Secretaría Conxunta do Programa Espazo Atlántico; e Jorge Mira Pérez, catedrático pertencente ao Departamento de Física Aplicada da USC.
Logo do acto de presentación, desenvolverase unha mesa redonda moderada por Daniel Fernández Santiago, coordinador de proxectos da Fundación CEER. Malia que a sesión é de acceso aberto, agradécese por mor da capacidade do espazo a confirmación de asistencia no enderezo electrónico vigotec [at] fceer.org (vigotec[at]fceer[dot]org)
Xa en quenda de tarde, as entidades socias reuniranse nunha sesión pechada que contará coa intervención do reitor da USC, Antonio López. A xuntanza constitúe a reunión técnica de arranque do proxecto onde se abordará a planificación das actividades para desenvolver nos próximos meses e establecer os períodos de execución correspondentes.
Sol e desenvolvemento
O proxecto, baseado na experiencia de diferentes grupos de investigación europeos de referencia no campo da física e a xeografía, contará con diversas actividades enfocadas a identificar algúns dos mellores lugares para ver atardeceres, realizará estudos en colaboración con comunidades locais, axentes turísticos e outros axentes de desenvolvemento, e desenvolverá un plan turístico. “A xornada é unha oportunidade única para que os actores interesados na valorización turística de recursos naturais/culturais poidan coñecer in situ unha proposta única de desenvolvemento territorial conxunto vinculado ás postas de sol”, explican dende a organización do evento. O proxecto poñerá en valor a costa atlántica de Europa Occidental como medio de desenvolvemento económico alternativo ao turismo tradicional, considerando a complementariedade temporal e espacial, así como a inclusión e innovación sociais.
O Interreg Espazo Atlántico 2021-2027 é un programa de financiamento europeo que promove a cooperación transnacional na parte occidental do océano Atlántico e inclúe todas as rexións de Irlanda e Portugal, así como varias rexións francesas e españolas. A misión do Programa é estar á vangarda da transición cara a unha Rexión Atlántica única, neutra en carbono e resistente ao cambio climático e resiliente ao clima. O Programa fomenta a integración do desenvolvemento económico sostible, o benestar da sociedade e a preservación da biodiversidade.