
Este martes 17 de decembro a partir das 12.30 horas preséntase no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades na rúa de San Roque compostelá o proxecto de Humanidades Dixitais 'Cantigas de Romaría', resultado da colaboración entre a USC e a East Carolina University (ECU). No acto, aberto ao público, participarán as catedráticas da USC Mercedes Brea e Pilar Lorenzo Gradín, o profesor titular de Estudos Hispánicos na East Carolina University, Juan Escourido, da ECU, e o secretario xeral da Lingua da Xunta, Valentín García Gómez.
O proxecto combina o estudo das cantigas de amigo, o maior corpus de poesía en voz feminina da Idade Media europea, coa xeolocalización dixital, ofrecendo unha nova perspectiva sobre as setenta e nove composicións coñecidas como cantigas de romaría ou de santuario. As cantigas de romaría remiten a igrexas, capelas e ermidas, evocando un pasado festivo vinculado á devoción relixiosa, como segue a acontecer nas romarías e festas patronais de hoxe.
As localizacións referidas nas cantigas de romaría, conservadas principalmente no Pergamiño Vindel e nos cancioneiros da Biblioteca Nacional de Portugal e da Biblioteca Vaticana, levan décadas sendo obxecto de debate. A nova plataforma dixital, froito dunha colaboración entre a Universidade de Santiago de Compostela e a East Carolina University, pretende servir de referencia no campo de estudos deste corpus; ademais, permitirá explorar mapas interactivos, textos orixinais, datos históricos e fotografías actuais dos lugares mencionados nestes poemas, ampliando a comprensión do patrimonio cultural ibérico.