Permitirá desenvolver iniciativas emblemáticas de dixitalización no eido natural e no cultural, como a reconstrución do Coro Pétreo da Catedral de Santiago de Compostela

A Conferencia de Reitores das Universidades do Suroeste Europeo (CRUSOE), a Xunta de Galicia e a multinacional tecnolóxica NTT DATA presentan este venres 25 de outubro unha proposta de colaboración para a posta en marcha dun Laboratorio TIC en Galicia, que se constituiría como unha plataforma de servizos avanzados para desenvolver, entre outros, proxectos de dixitalización emblemáticos. O reitor Antonio López preside o acto institucional de presentación, que se desenvolve no Reitorado da USC no Colexio de San Xerome a partir das 13.00 horas.
O reitor estará acompañado polo conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez; a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo; o reitor da UDC e secretario xeral de CRUSOE, Ricardo Cao; o presidente executivo da Secretaría Xeral Técnica de CRUSOE, Salustiano Mato, e o director científico da Cátedra Institucional de Patrimonio Cultural Dixital, Juan Castro. A delegación da multinacional xaponesa estará formada por Kenichi Kawashima, Tomoe Nakano e Ayaka Goto, que estarán acompañados polos responsables de NTT DATA no Noroeste de España (Galicia e Asturias), Alberto Borrego e Pablo Manzano.
Laboratorio TIC
O Laboratorio TIC que se presenta este venres desenvolveríase como Unidade Mixta posta en marcha pola Xunta de Galicia e planéase como un modelo de negocio para o sector turístico de colaboración público-privada e unha plataforma tecnolóxica de servizos avanzados, con acceso a tecnoloxías e capacidades dixitais de vangarda, que permitirá desenvolver proxectos emblemáticos de dixitalización en distintos ámbitos como o medio natural ou cultural, como a reconstrución do Coro Pétreo da Catedral de Santiago de Compostela.