Ir o contido principal

Presentación da rede DESP-OB

02.09.2025 | 09.30h
Facultade de Humanidades
Facultade de Humanidades

O desafío da España baleira(da) protagoniza un novo proxecto liderado dende a Universidade de Santiago de Compostela polo Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) e o seu director, Rubén C. Lois, catedrático de Análise Xeográfica Rexional. Once institutos, cátedras e grupos de investigación de distintas universidades españolas e o Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC) cooperarán na denominada Rede DESP-OB. Trátase dunha iniciativa financiada polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e a Axencia Estatal de Investigación que pretende poñer en marcha un observatorio interdisciplinar sobre despoboación, elaborar un catálogo de boas prácticas con estudos de caso no conxunto do Estado e ofrecer unha folla de ruta estratéxica á cidadanía e ás institucións.

A Facultade de Humanidades do Campus de Lugo acollerá o vindeiro martes 2 de setembro o lanzamento de DESP-OB. A primeira xuntanza do equipo investigador estará precedida por un programa público e aberto no Salón de Graos. Tras a benvida institucional, ás 9.30 horas, na que intervirán o decano de Humanidades, Gonzalo Fernández; o vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro; e o director do IDEGA e coordinador da rede, Rubén C. Lois, as persoas que participan no proxecto presentarán os seus centros e as súas liñas de investigación (10.00 horas). Finalmente, María José Piñeira, profesora de Xeografía na USC, ofrecerá unha conferencia (11.00 horas) sobre 'Despoboación e despoboamento no Atlas Nacional de España'. Todas as actividades son de entrada libre até completar a capacidade do espazo.

Ademais do IDEGA e o CSIC, participan na rede unidades de primeiro nivel vinculadas ás universidades de Oviedo (RegioLab), León (GIEA), Zaragoza (CEDDAR), Illas Baleares (GREI), Valencia (UDERVAL-IIDL), Alacante (IEI), Murcia (CEMUGE), Málaga (INACOM) e o campus Terres del Ebre da Universitat Rovira i Virgili. En conxunto, o proxecto agrupa investigadores e investigadoras de diferentes disciplinas, dende a economía e a xeografía até as ciencias da comunicación, que poden xerar novas capacidades para a caracterización e a abordaxe do reto demográfico e o despoboamento.

DESP-OB é unha das iniciativas seleccionadas polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e a Axencia Estatal de Investigación na convocatoria 2024 do programa 'Redes de investigación', no marco do Programa Estatal de Transferencia e Colaboración do Plan Estatal de Investigación Científica, Técnica e de Innovación 2024-2027. As dez accións previstas no proxecto teñen, por tanto, un prazo de execución de dous anos, pero a rede nace con vocación de permanencia e conta entre os seus obxectivos coa incorporación de novos centros, a súa internacionalización e a formulación de novas iniciativas. Toda a información pode consultarse no portal web da rede (www.despob.es) e nos seus perfís nas principais redes sociais.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.08.2025.