Ir o contido principal

Presentación do volume ‘Ribeira Sacra. Orixe e evolución da Denominación de Calidade’

13/7/2021- 20.00 horas

Casa do Saber (Lugo)

O catedrático da USC Jesús Varela Zapata acompañará ao autor do volume sobre esta Denominación de Orixe

Carátula do libro
Carátula do libro

O enxeñeiro agrícola José Mouriño Cuba, quen durante a súa etapa profesional na Administración autonómica impulsou algunha das denominacións de calidade que favorecen a recuperación e a posta en valor de diversos produtos autóctonos, entre os que se atopan o queixo e o viño, presenta o martes 13 de xullo, a partir das 20.00 horas, no auditorio da Casa do Saber de Lugo, o libro ‘Ribeira Sacra. Orixe e evolución da Denominación de Calidade’, no marco dun acto no que estará acompañado polo catedrático de Filoloxía inglesa da USC e adxunto á Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo para Estudantes, Internacionalización, Cultura e Servizos, Jesús Varela Zapata, así como a directora de Belagua Ediciones, Edurne Baines.

Nesta obra, que reivindica a agricultura como fonte imprescindible para a existencia da sociedade, Mouriño Cuba documenta a transformación da actividade vinícola desde os anos 80 do século XX ata a creación de la D.O. Ribeira Sacra e o seu papel vertebrador da economía da comarca. Esta nova publicación constitúe unha radiografía do contexto social, económico, político e administrativo do territorio que hoxe integra a Ribeira Sacra, a través da que o autor explica e dá testemuño das dificultades superadas e das accións desenvolvidas para xerar ilusión e acadar a confianza dos viticultores e adegueiros en aras a que apostaran por mellorar os seus viñedos e por unha produción autóctona, diferenciada e de calidade.

Ao longo de sete capítulos, ilustrados con fotografías a toda cor, Mouriño Cuba demostra como a práctica dunha actividade agraria nos tempos modernos foi capaz de salvar unha comarca, tanto desde o punto de vista ambiental como socioeconómico, resistindo ao abandono demográfico do rural e ofrecendo prometedoras oportunidades a un territorio que, na actualidade, aspira a ser declarado Patrimonio da Humanidade da Unesco.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.07.2021.