O novo club de cinema da Facultade de Filoloxía inicia andadura coa proxección da curtametraxe 'O niño dos paxaros' de Lucía Estévez, que manterá un coloquio co público.

O salón de Actos da Facultade de Filoloxía acollerá o vindeiro martes día 31 de xaneiro a primeira sesión de CineFilo, o novo club de cinema da facultade que comezará, neste segundo cuadrimestre, a súa andaina.
Organizado pola Facultade de Filoloxía (Proxectos colaborativos) e coordinado pola Área de Filoloxía Catalá, o cineclub quere ser un punto de encontro a través do cine das linguas e culturas que se ofrecen na facultade, así como un espazo de colaboración e diálogo entre todos os membros da comunidade e veciñanza.
A programación deste primeiro ciclo (xaneiro-maio 2023) consta de 9 filmes que contan con presentación, un coloquio posterior e, eventualmente, a presenza de directoras e membros do equipo técnico. A actividade é aberta e de balde, e terá lugar quincenalmente os martes ás 17.00 h no Salón de Actos do centro. O seu seguimento estará recoñecido pola Facultade de Filoloxía como formación.
Na primeira sesión. contarán coa presenza da realizadora Lucía Estévez. Nada en Vigo en 1994, é unha das directoras que máis eco suscita na nova vaga do cinema galego. No ano 2021 deuse a coñecer no panorama fílmico co recoñecemento da súa webserie Xan nos Premios Mestre Mateo. Unha das súas curtas, O niño dos paxaros (2021), e que se presentará o día 31, narra a modo de documental a historia de seu pai, traballador nun garaxe en Vigo nos 80, época da movida viguesa.
Mais información na conta de Instagram do Cine Filo.