Ir o contido principal

'A Vangarda da Investigación'

Primeiro Ciclo de Seminarios Tractores en iMATUS

13.04.2023-28.06.2023

Edificio iMATUS
Santiago de Compostela
Salón de Actos

O Instituto de Materiais da USC promove de abril a xuño unha serie de seminarios en fomento da colaboración en investigación, transferencia e formación de persoal investigador

Ciclo de Seminarios Tractores en iMATUS
Ciclo de Seminarios Tractores en iMATUS

As Unidades de Investigación e de Extensión, Formación Especializado e Divulgación do Instituto de Materiais da USC promoven o Primeiro Ciclo de Seminarios Tractores, unha serie de encontros que camiñan cara ao posicionamento do iMATUS como centro multidisciplinar de referencia no ámbito da ciencia e a tecnoloxía de materiais a nivel estatal e internacional. 

Baixo o lema 'A vangarda da investigación', os seminarios buscan fomentar a colaboración en investigación, na transferencia e formación de persoal investigador para sacar o maior rendemento posible ao coñecemento e recursos científico-tecnolóxicos dispoñibles. 

Coordinados por expertas/os nas diferentes liñas de investigación do centro e programados de abril a xuño, conforman un amplo abano de propostas multidisciplinares de libre acceso para toda a comunidade universitaria. 

Programa de encontros

O primeiro dos seminarios ao abeiro deste ciclo desenvolverase o 13 de abril con David Serantes e Adriana Cambón como relatores principais dun encontro que tratará da 'Interacción de (nano)materiais e (bio)moéculas'. O investigador Luis Díaz Gómez tomará o relevo o 24 de abril no seminario 'Ensaios de biomateriais alternativos á experimentación animal'. O encontro 'Simulación e deseño computacional de materiais' arrancará o 3 de maio con Luis Miguel Varela como relator principal. No mesmo mes, o día 11, Carlos García González conducirá a xornada 'Desenvolvemento e estudo de materiais para medicina rexenerativa'. O mes de xuño inclúe catro novos seminarios. O primeiro deles, desenvolverase o día 1 baixo a dirección de José Rivas Rey e tratará sobre os 'Sistemas de liberación de Células CART-T no tratamento de tumores'. O seguinte terá lugar o 15 de xuño con Pablo Taboada como relator principal, e afondará nos 'Nanomateriais e materiais avanzados para o uso, produción, transmisión e almacenamento de enerxía'. O día  22 de xuño, Pilar Bermejo conducirá un novo seminario centrado na 'Análise de contaminantes e remediación ambiental'. E xa o día 28 dese mesmo mes Jesús Liñares Beiras será o relator principal do encontro que pecha o ciclo, un seminario que profundará nos 'Materiais (fotónicos, supercondutores, topolóticos...)para a implementación de dispositivos en información cuántica'.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.04.2023.