O programa de estímulo do talento matemático bota a andar a selección da súa promoción número dezaseis

Máis de 200 estudantes de toda Galicia nacidos en 2010 e 2011 participan este sábado 3 de xuño nas probas de selección da 16ª promoción do Proxecto Estalmat-Galicia para a detección e estímulo do talento en matemáticas. Os participantes son 93 rapazas (42,27%) e 127 rapaces (57,72%), consolidando unha participación paritaria na proba. Proceden na súa maioría das provincias da Coruña (149) e Pontevedra (56), seguidas das de Ourense (9) e de Lugo (6); e tanto do ensino público (158) como do privado e concertado (62). A proba, consistente na resolución de cinco problemas de distinto tipo e cunha duración aproximada de dúas horas e media, permitirá seleccionar as 25 persoas que integrarán esta nova edición do programa e o acceso para o estudantado poderá realizarse entre as 10.00 e as 10.20 horas.
A organización conta, por segunda vez para o desenvolvemento da proba, coa colaboración de tres centros de Ensino Medio e de dúas Facultades: o IES Eduardo Blanco Amor de Ourense, o IES Castelao de Vigo, a Facultade de Formación do Profesorado no campus de Lugo e a Facultade de Matemáticas da USC en Compostela
Con 220 estudantes inscritas/os, o Proxecto Estalmat-Galicia consolida a súa andaina dende 2007. Con esta edición supérase a barreira dos 4.800 que con 12, 13 e 14 anos teñen pasado pola Facultade de Matemáticas nos últimos quince anos para facer a proba de selección. Con esta promoción acadarase un total de 410 mozas e mozos seleccionados para participar no programa de talentos matemáticos.