As emendas das solicitudes poderanse presentar ata o 7 de agosto e o 9 de agosto publicaranse as listaxes definitivas

O mércores 27 de xullo publicarase no taboleiro de anuncios electrónico da USC a listaxe provisional de solicitudes admitidas a trámite e excluídas na convocatoria de prazas de aloxamento para o curso académico 2022-2023 do servizo de residencias. Na relación figurará a puntuación de cada solicitude, a orde de preferencia dos centros indicados nela e, de ser o caso, a causa que motiva a exclusión.
O prazo para emendar as solicitudes e entregar a documentación requirida, ou para completar a solicitude, estará aberto ata o 7 de agosto. A entrega desta documentación deberá realizarse a través de vía telemática. O alumnado e demais integrantes da USC poderán asinar a solicitude coas súas credenciais de usuario e contrasinal da USC. O resto das persoas interesadas poderán facelo cun dos sistemas de firma electrónica aceptados pola USC (certificado electrónico: DNIe, FNMT ou Cl@ve).
Publicación das listaxes definitivas de solicitudes admitidas e excluídas
Será o 9 de agosto cando se publiquen as listas definitivas de persoas admitidas en cada centro, así como a listaxe de agarda e a relación final de solicitudes excluídas. A admisión e asignación de centros farase segundo a preferencia do alumnado e seguindo a puntuación acadada na convocatoria. As persoas que queden na listaxe de agarda e desexen seguir optando a unha praza no SUR, teñen de prazo para confirmalo ata o 16 de agosto por medio do formulario que figura na páxina web do servizo. De non facelo, entenderase que desisten da súa petición e de permanecer na lista de agarda.
Para maior información sobre os procedementos, prazos e condicións da convocatoria de prazas de aloxamento do SUR, recoméndase consultar esta ligazón.