Ir o contido principal

Recital poético multilingüe de ‘A Cabeleira’ na Casa do Saber

21/12/2023 - 19.00 horsa

Casa do Saber (Lugo)

O escritor e docente da USC Claudio Rodríguez Fer participa este xoves, ás 19.00 horas, no proxecto a prol da diversidade lingüística e o entendemento intercultural que supón a declamación políglota do poema galego máis traducido do mundo

Rodríguez Fer, diante de distintas versións de 'A Cabeleira'
Rodríguez Fer, diante de distintas versións de 'A Cabeleira'

O poeta e profesor da USC na Facultade de Humanidades do Campus de Lugo Claudio Rodríguez Fer participa este xoves 21 de decembro, a partir das 19.00 horas, no auditorio da Casa do Saber, no recital poético multilingüe de ‘A Cabeleira’ no marco dun proxecto colaborativo a prol da fraternidade e da diversidade lingüística, así como do entendemento intercultural durante o que varios autores declamarán en diversos idiomas o poema galego máis traducido do mundo, que suma máis de 70 versións.

A primeira edición políglota de ‘A Cabeleira’ tivo lugar en 1995 con catro versións: o orixinal galego e as traducións do mesmo ao inglés (por Diana Conchado), ao castelán (por Olga Novo) e ao francés (por María Lopo). Despois virían sucesivas edicións en 35, 60 e agora 70 idiomas dos cinco continentes, que xa se foron presentando en recitais multilingües celebrados  en Galicia, Nova York, París e Bretaña.

A obra ‘A cabeleira (Poema en 70 idiomas)’ está ilustrada pola artista Sara Lamas e pola escritora Carmen Blanco, autora da cabeleira e do caligrama das cubertas, que tamén participará na presentación da última edición deste poemario. Tras a lectura do orixinal en galego, intervirán, en portugués, Saturnino Valladares; en asturiano, Manuela Aira; en castelán, Valle López de la Villa, e en catalán, Mar Sasha Kuitenbrouwer. María Lopo declamará a súa tradición poética en francés, mentras que a tamén docente na Facultade de Humanidades da USC Silvia Alonso fará o propio coa versión italiana de ‘A Cabaleira’, de Ana Rosso.

O recital poético multilingüe de ‘A Cabeleira’ permitirá tamén coñecer a fonética destes versos en romanés, latín, así como en linguas xermánicas, inglés, holandés e mesmo en grego, ruso, coreano, chinés, xaponés ou barallés, tal e como se coñece a xerga dos afiadores das terras ourensás.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.12.2023.