Ir o contido principal

Coloquio

'Renacemento rural? Os espazos rurais en época de pos-pandemia'

Ademais das seis sesións de comunicacións que se defenderán durante o coloquio, cómpre destacar a conferencia inaugural 'Transformações recentes da paisagem rural: desafios face às alterações climáticas em curso', a cargo da profesora Teresa Pinto Correia, da Universidade de Évora

Facultade de Xeografía e Historia. FOTO: Santi Alvite
Facultade de Xeografía e Historia. FOTO: Santi Alvite

O grupo ANTE da USC e o grupo de Xeografía Rural da Asociación Española de Xeografía organizan do 5 ao 8 de outubro o coloquio titulado 'Renacemento rural? Os espazos rurais en época de pos-pandemia', que se desenvolve na Facultade de Xeografía e Historia. Este Coloquio preséntase como unha oportunidade para reflexionar dende a xeografía sobre se os cambios acontecidos coa pandemia, que afectan os espazos rurais, chegaron para quedar. "Preguntámonos, pois, se as persoas (moitas?) deixaron as cidades e foron vivir ao rural como forma de resgardarse do contaxio vírico ou, cando menos, de afrontar mellor os efectos das políticas de xestión da pandemia impostas polas distintas administracións. Debatemos agora sobre se os tempos de crise e despoboamento no espazo rural remataron e, polo tanto, asistimos a unha reversión das tendencias xerais observadas ata 2020", apuntan dende a organización do coloquio.

Ademais das seis sesións de comunicacións que se defenderán durante o coloquio, cómpre destacar a conferencia inaugural 'Transformações recentes da paisagem rural: desafios face às alterações climáticas em curso', a cargo da profesora Teresa Pinto Correia, da Universidade de Évora, que terá lugar este mércores, día 5, ás 10.40 horas, no Paraninfo; ou a mesa redonda sobre a contribución do sector primario ao desenvolvemento rural de Galicia, coa participación de Roberto García de Unións Agrarias, José Manuel Andrade da Fundación Juana de Vega, Edelmiro López Iglesias do Departamento de Economía Aplicada da USC, e Manuela Oviedo de GALP Costa Sostible que se celebrará o día 6, ás 13.00 horas, tamén no Paraninfo.

O relatorio de clausura, día 6 ás 16.00 horas, correrá a cargo de Enrique Moltó, da Universitat d’Alacant, sobre 'A plurifuncionalidade da agricultura'. A asistencia ás sesións é libre. 

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.10.2022.