Presentación de resultados do proxecto de investigación I+D+I 'EquilinGalicia: Espazos de transformación sociolingüística no contexto educativo galego: axencia dos falantes, repertorios multilingües e prácticas (meta)comunicativas'
No marco das actividades do proxecto de investigación I+D+I 'EquilinGalicia: Espazos de transformación sociolingüística no contexto educativo galego: axencia dos falantes, repertorios multilingües e prácticas (meta)comunicativas', o estudantado do IES Manuel Murguía levou a cabo unha investigación en co-labor sobre os repertorios lingüísticos familiares e a diversidade lingüística da súa contorna, o instituto e o concello de Arteixo. O estudanto de 1º, 2º e 3º do Ensino Secundario, acompañado polas súas profesoras: Cathia Capelán, Carme Gabín, Cristina Galán, Teresa Seara, Isabel Rodríguez, Silvia Tasende e Isabel Tomé; xunto coas investigadoras da USC, María Caamaño, Gabriela Prego e Luz Zas desenvolveron un minucioso traballo etnográfico en diferentes fases e con diversas actividades: enquisas, dramatizacións, videocreacións e microrrelatos.
Os resultados desta investigación serán presentados no Salón de Actos da Facultade de Filoloxía, no día 23 de maio, a partir das 10.30 horas. O evento contará coa presenza do decano da Facultade de Filoloxía, Elías Feijo Torres, das investigadoras Gabriela Prego Vázquez, María Caamaño Rojo e Luz Zas Varela, ademais do estudantado e profesorado do IES Manuel Murguía e da comunidade da Facultade e poderá seguirse en directo a través de YouTube.
As investigacións pasarán a formar parte do Atlas Virtual para a Educación Lingüística na Superdiversidade. As actividades artículanse metodoloxicamente en torno á chamada ciencia cidadá para a comprensión da vida social e, por tanto, tamén da presenza das linguas nos diferentes espazos públicos que nos rodean na vida cotiá; neste caso, a diversidade lingüística do instituto e de Arteixo.