O relatorio do investigador da UCM Antonio Blanco Salgueiro forma parte da serie de conferencias 'Cultura en Mazarelos'
A Facultade de Filosofía da USC abre a serie de conferencias 'Cultura en Mazarelos' co relatorio 'A retranca: que din os rumorosos? (ou como evitar facer cousas con palabras)', do investigador e docente da Universidade Complutense de Madrid, Antonio Blanco Salgueiro.
A súa intervención terá lugar o vindeiro mércores, 29 de marzo, ás 12.30 horas no Salón de Actos da Facultade de Filosofía e a asistencia é libre ata completar a capacidade da sala.
A retranca: que din os rumorosos?
O humor é un tema moi serio que deu lugar a múltiples teorías, todas controvertidas, sobre a súa natureza última, e que suscita cuestións fundamentáis sobre a linguaxe, a mente e a sociedade humanas. O marco que se emprega para tratar de entendelo é o que proporciona a Teoría dos Actos de Fala. Trátase de estudar os actos de fala humorísticos, comezando pola acción de bromear, onde a linguaxe ordinaria tende a separar os aspectos interactivos (aceptar ou non unha broma, tomar a broma ou en serio) dos aspectos cognitivos (“pillar”, “pescar”, “entender” unha broma). Logo están os actos de fala humorísticos hostís, como burlarse ou ridiculizar (nos estudos sobre o humor galego destácase aquí a sorna), que teñen características interactivas especiais. A retranca completa o espazo lóxico, xa que adoita ser considerada unha forma de humor (ou un estilo discursivo non necesariamente humorístico) de carácter defensivo. O estudo deste fenómeno introduce complexidades cara á súa abordaxe teórica, como a cuestión da universalidade fronte á diversidade cultural do humor que serán exploradas nesta intervención.