Persoal investigador galego participa, a través do CITMAGA, nun proxecto europeo que ten como obxectivo demostrar un proceso industrial novidoso para producir silicio con baixo impacto ambiental

A Facultade de Matemáticas acollerá do 21 ao 22 de xuño a reunión anual do proxecto SisAl Pilot na que participará persoal investigador dos 9 países socios do proxecto (Noruega, Alemaña, Francia, Islandia, Italia, Grecia, EUA, Sudáfrica e España) e que ten por obxectivo a posta en común dos avances nesta investigación. Trátase dun proxecto innovador que camiña cara á produción de silicio con baixo impacto ambiental e de forma circular e sustentable e no que participa a USC a través do CITMaga.
Tras o encontro en Compostela, o persoal investigador viaxará a Vilagarcía de Arousa para asistir ás probas que se están a realizar en Fundiciones Rey e Rey Bronze Castings en Cuntis.
SisAl Pilot
Iniciado en 2020 e cunha duración de catro anos, o SisAl Pilot é un proxecto financiado polo programa de investigación e innovación Horizon 2020 da UE cun orzamento global que supera o 14 millóns de Euros.
A Universidade Norueguesa de Ciencia e Tecnoloxía (NTNU) coordina este promovido por un consorcio internacional de 22 socios, do que forman parte centros de investigación europeos e empresas nacionais e internacionais para a aplicación dos resultados, como Fundiciones Rey (Galicia), Befesa (Castela-León), Elkem (Noruega) ou Dow Corning (Estados Unidos). Pola parte española interveñen, ademais, a fábrica Rey Bronze Castings, a empresa mineira Erimsa, a de investigación SilBuCam e o Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia ( CITMAga), todos eles na comunidade galega. Creado a finais de 2021, impulsado polas tres universidades galegas, o CITMAga aspira a converterse nun centro de investigación de referencia no que se integran as capacidades científicas das Matemáticas, pero ademais cunha clara aposta pola transferencia de coñecemento, fundamentalmente á industria autonómica e nacional.