O programa, no que participan representantes dos 12 socios implicados nesta iniciativa, entre os que figura o grupo Silvopast da USC, comeza este mércores ás 9.00 horas e prolongará as súas sesións ata o xoves 5 de maio no Campus Terra

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC acolle desde este mércores, a partir ds 9.00 horas, ata o xoves 5 de maio a celebración da asemblea xeral do proxecto financiado con fondos europeos Agroecology for Europe (AE4UE). Esta iniciativa transnacional botou a andar a comezos de xaneiro de 2021 coa participación de 12 socios europeos, entre os que figura o Grupo de Investigación Silvopast da USC, coordinado pola catedrática Rosa Mosquera Losada, coa ambición de sumar sinerxías a prol do desenvolvemento dunha rede europea de laboratorios vivos agroecolóxicos, infraestruturas de investigación e espazos de aprendizaxe para agricultores, investigadores e actores da sociedade civil.
Os socios do proxecto AE4UE aproveitarán esta asamblea anual para presentar os avances logrados neste tempo, entre os que cómpre destacar o mapeo da agroecoloxía no territorio europeo, a través do desenvolvemento dunha metodoloxía innovadora e multiescala, a través da cal se pode obter unha visión xeral do desenvolvemento da agroecoloxía nos diferentes países europeos, analizar a situación da agroecoloxía a nivel nacional e ilustrar as diferentes iniciativas relacionadas coa agroecoloxía.
O desenvolvemento dun polo para a agroecoloxía, un centro de intercambio virtual entre as partes interesadas en agroecoloxía e a presentación das actuacións xa desenvolvidas en Países Baixos, Reino Unido e Italia para achegar solucións e fortalecer a agroecoloxía en Europa serán outras das cuestións obxecto de debate nesta reunión, na que tamén se abordarán cuestións ligadas a mecanismos de financiamento, programas de investigación e definición de estratexias políticas a prol da agroecoloxía.