Salón Reitoral

O Consello de Goberno da Universidade de Santiago leva á súa derradeira xuntanza deste ano a aprobación dos Orzamentos da institución para 2025 que xa foron referendados polo Claustro. Ademais das Contas, o órgano de goberno universitario tratará a oferta de prazas de novo ingreso nas titulacións de grao, mestrado e doutoramento para o curso 2025-2026. A sesión terá lugar o 27 de decembro ás 9.45 horas no Salón Reitoral de San Xerome.
Na orde do día figuran outros puntos como a aprobación da oferta de prazas da convocatoria Ramón y Cajal de 2024; os convenios co centro de investigación IMDEA Nanociencia para a adscrición de persoal investigador da USC; o recoñecemento do interese para a USC da realización por parte do seu persoal de actividades de investigación na GAIN e a modificación da Normativa de recoñecemento do complemento por méritos docentes (Quinquenios).
En materia de persoal, someterase a aprobación o acordo para o desenvolvemento do proceso extraordinario de encadramento e acceso aos graos da carreira profesional horizontal no ámbito do PTXAS así como a modificación do Regulamento do persoal directivo profesional da USC.
Os parámetros de ponderación de materias para o acceso ás ensinanzas universitarias oficiais de grao do Sistema Universitario Galego no curso 2026-2027, cursos e memorias de estudos propios son outros asuntos que se abordarán na sesión.