O Consello de Goberno da Universidade de Santiago desenvolve o mércores 28 de maio, ás 10.30 no Salón Reitoral de San Xerome, unha sesión na que se tratarán diversos asuntos de índole académica e administrativa e en materia de ordenación de persoal, como a aprobación da proposta de candidaturas para a convocatoria de incorporación de talento consolidado Programa ATRAE 2025.
En materia de persoal, someterase a aprobación a proposta de asignación a áreas de coñecemento e especialidades de prazas vinculadas e de reducións de dedicación por desenvolvemento de accións especiais así como a rectificación do acordo do Consello de Goberno do 30 de abril polo que se modifica a Planificación de PDI 2024. As propostas de contratación e prórrogas de profesorado emérito e de nomeamento e prórrogas de profesorado e persoal investigador ad honorem son outros asuntos a tratar que afectan o PDI.
Con relación ao PTXAS funcionario, debaterase o regulamento dos niveis mínimos e máximos dos corpos ou escalas así como a modificación do baremo de méritos para a provisión de postos de traballo.
Xa no que se refire a cuestións académicas, o Consello de Goberno someterá a aprobación a declaración de intencións do Máster Universitario en Well-Being Oriented Healthcare, propostas de novas titulacións de máster universitario para a súa implantación no curso 2026/2027 e de modificacións substanciais de títulos e as bases xerais de concesión dos premios extraordinarios de doutoramento da USC. Tamén debaterán a modificación do Acordo do Consello de Goberno de 2019 sobre a esixencia de nivel de coñecemento de lingua galega ou española para a matrícula en estudos de grao, máster e doutoramento oficial e o acordo das universidades do SUG sobre os procedementos de admisión aos estudos universitarios oficiais de grao.
Outros asuntos
A modificación do calendario académico da USC para o curso 2025/2026, a integración da USC no Padroado da Fundación Uxío Novoneyra e os logo das Cátedras Institucionais de Intelixencia Artificial en Ciencias da Saúde e de Microelectrónica son outros asuntos a tratar na xuntanza, ademais de cursos de estudos propios e regulamentos de traballos de fin de estudos.
Na sesión designarnse ademais a persoa representante da USC no Clúster de Turismo de Galicia e cubrirase a vacante na Comisión para a atención aos casos de violencias sexuais, e o acoso por razón de sexo, orientación sexual e identidade ou expresión de xénero.