Á súa vez desenvolverase a oitava Asemblea de Reitores e Reitoras desta alianza

A Universidade de Santiago de Compostela organiza do 5 ao 7 de maio a primeira Reunión de Institucións Asociadas da Universidade Europea para o Benestar (EUniWell), a Alianza da que a USC forma parte xunto a outras dez institucións universitarias. Será esta unha xornada de intercambio que ten como obxectivo establecer unha colaboración construtiva e intersectorial, identificar sinerxías e fomentar asociacións sostibles que transcendan as fronteiras.
O exhaustivo programa de tres días na institución compostelá que se inicia con esa primeira xuntanza terá a súa principal manifestación o mércores 7 no Salón Nobre de Fonseca coa oitava Asemblea de Reitores e Reitoras de EUniWell e a celebración do Día de Europa.
Nesa Asemblea de Reitores e Reitoras que comezará o mércores ás 9.30 horas, os equipos de goberno, estudantado e outros representantes das universidades integradas en EUniWell debaterán sobre algunhas das cuestións máis urxentes ás que se enfronta a ensinanza superior na actualidade: a aliñación coas ambicións da Unión das Competencias, o papel das universidades na competitividade europea, os consorcios de universidades en tempos de incerteza global, a liberdade académica, a seguridade na investigación e o poder da colaboración dentro e fóra de EUniWell.
Durante este evento, representantes do Paquete de Traballo 8 (WP8), dedicado á investigación, innovación e emprendemento responsables e que a USC lidera no marco do proxecto EUniWell-Weff da Alianza EUniWell, abordarán e explorarán cuestións estratéxicas como o fomento da participación en proxectos de investigación ou a posibilidade de crear programas de doutoramento conxuntos.
Para o reitor da USC, Antonio López Díaz, “acoller a Asemblea de Reitores e Reitoras de EUniWell en Santiago de Compostela é unha honra e un poderoso recordatorio do papel transformador das universidades. Xuntos estamos a tender pontes entre o mundo académico, a industria e a sociedade”. Un encontro que, engade, será “un espazo de reflexión colectiva, un foro para o intercambio de ideas e un motor para fortalecer a colaboración entre institucións comprometidas co benestar social”.
O encontro culminará o mesmo mércores cun acto de conmemoración do Día de Europa ás 13.00 en Fonseca. O Colexio de Fonseca servirá de escenario para reafirmar os valores europeos que guían a misión de EUniWell e pechar así tres días de colaboración e diálogo entre universidades.