Para a primeira saída do 2023, a Área Deportiva propón un percorrido polo concello de Cenlle que permitirá descubrir fermosas paraxes da beira ourensá do Miño

Visita ao concello de Cenlle para facer unha interesante e variada ruta de sendeirismo que comeza e remata na beira do río Miño, ao pé da igrexa de Santa Baia de Laias e o balneario. A ruta lévanos primeiramente río abaixo. Nesta zona, o río forma parte do encoro de Castrelo de Miño. Ao pouco, o camiño sepárase do río e condúcenos á parroquia de Santa María de Razamonde. Dende alí arranca unha subida cara ao monte de San Trocado. Sen alcanzar o cumio, a expedición tomará un camiño situado a media altura do monte que permitirá gozar dunhas fermosas panorámicas do Miño e dos concellos lindeiros: Toen, Castrelo de Miño, Arnoia... Mais adiante o camiño percorre novamente polo Miño e, seguindo o seu curso. chégase ao final da ruta.
A expedición, guiada por Víctor Fidalgo, sairá en autobús ás 9.00 horas dende a Piscina Universitaria de Santiago e volverá ás 19 horas.
A información sobre os prazos de inscrición das distintas categorías, as tarifas e descontos para a comunidade universitaria nas actividades de sendeirismo está dispoñible na web da actividade.