Este itinerario programado pola Área Deportiva da USC percorre o Sendeiro Ecolóxico de Peilán
A ruta transita por algúns dos lugares máis bonitos do concello de Piñor, percorrendo ribeiras, bosques, zonas agrícolas, e aldeas nun trazado no que os ríos Arenteiro e Mirela cobran un especial protagonismo. A paisaxe durante o itinerario é variada e tamén hai interesantes mostras de patrimonio nas aldeas polas que transcorre. Quizais o elemento máis destacable sexa a antiga fábrica de papel de Lousado.
O percorrido non ten grandes dificultades, os camiños son bos, pero sempre poden darse tramos máis ou menos incómodos en caso de haber lama. É un intinerario de 13 quilómetros cun grao de desnivel baixo-medio e un nivel de dificultade baixo-medio.
A expedición, guiada por Víctor Fidalgo, sairá ás 9.00 horas en autobús dende a piscina universitaria e ten previsto o retorno ás 19.00 horas.
A información sobre os prazos de inscrición das distintas categorías, as tarifas e descontos para a comunidade universitaria nas actividades de sendeirismo está dispoñible na web da actividade.