A Área Deportiva da USC promove este itinerario para coñecer a paisaxe e a gastronomía deste concello ourensán

O programa de sendeirismo da USC propón o 11 de febreiro unha viaxe ata o concello ourensán de Cea para emprender unha fermosa ruta por diferentes ríos e bosques da contorna. O itinerario circular proposto, que será guiado por Víctor Fidalgo, transita polos ríos Mirela, Arenteiro e Marañao e pasa tamén por algunhas pequenas aldeas e zonas boscosas ben conservadas. Cunha lonxitude de 19 quilómetros, non presenta excesivo desnivel nin grandes dificultades, salvo nalgúns tramos dos ríos nos que o sendeiro está algo desfeito debido á última época de intensas choivas que houbo este inverno. Dende a Área Deportiva lembran que no caso de choiva ese día ou nas datas próximas podería haber moita lama nos camiños polo que recomendan levar calzado e roupa axeitada.
A expedición partirá ás 9 horas do exterior da piscina universitaria para dirixirse ata Cea en autobús e a volta está prevista ás 19.30 horas aproximadamente. As persoas interesadas en participar no itinerario poden consultar os prazos e tarifas de inscrición na web da Área Deportiva.
Pan de Cea
A visita ofrece ademais ás persoas participantes a posibilidade de encargar unha peza de pan de Cea, unha variedade con denominación de orixe protexida pola que o concello é ben famoso. Para poder mercala ese día é preciso encargala previamente, polo que as persoas interesadas deberán comunicalo á Área deportiva tras matricularse na actividade e indicar nome, apelidos e número de pezas, antes do 8 de febreiro ás 14:00