'Transfronteirizas, conversas de arte e ciencia' volve tras o parón estival cun especialista en reconstruír a memoria científica ligada a Galicia

O historiador barquense Ricardo Gurriarán participará no terceiro diálogo do ciclo 'Transfronteirizas, conversas de arte e ciencia' organizado polo Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) Tras o paso de Rosa Montero e José “Pepe” Gordon, súmase Ricardo Gurriarán a este ciclo de entrevistas virtuais para reflexionar acerca das conexións entre a física, a ciencia e a cultura, e descubrirnos algúns detalles sobre a visita do primeiro premio Nobel a Galicia, Erwin Schrödinger, quen pronunciou unha conferencia na Universidade de Santiago (USC) o 3 de agosto de 1934. Moderado polo investigador do IGFAE Cibrán Santamarina, poderá seguirse en directo o vindeiro xoves, 1 de outubro, ás 19:00 horas a través da canle de Youtube do IGFAE.
Ricardo Gurriarán Rodríguez (O Barco de Valdeorras, 1953), licenciado en Educación Física (INEF) pola Universidade Politécnica de Madrid, foi profesor no IES A. Xelmírez I de Santiago de Compostela desde 1977 ata a súa xubilación. En 2004, conseguiu o título de Doutor en Historia Contemporánea pola USC coa tese 'A investigación científica en Galicia (1900-1940): institucións, redes formativas e carreiras académicas: A ruptura de Guerra Civil'. O seu compromiso coa reconstrución da memoria histórica de Galicia e o seu interese polos estudos de ciencias leváronlle a ser asesor científico da película 'Os fillos do sol' e recibir o premio Lois Peña Novo 2015.
Organizado polo IGFAE da USC e a Xunta de Galicia, “Transfronteirizas, conversas de arte e ciencia” é un ciclo de diálogos virtuais emitidos en Youtube no que convidamos a figuras do ámbito cultural a explorar as interseccións entre a arte e a ciencia co noso persoal investigador, buscando un enfoque interdisciplinar. Esta iniciativa insérese dentro do programa ArtLAB, que pretende tender pontes e fomentar a participación entre a sociedade e a comunidade investigadora a través de distintas expresións artísticas.